EGANET abandeira unha misión comercial TIC ao Brasil

xoves, 23 de xuño do 2011 Raquel Noya

Logo do éxito acadado no seminario, Internacionalización Brasil: Próximo e Viable, onde máis de 40 empresas TIC galegas se informaron das particularidades do mercado brasileiro para, nun futuro próximo, poder abrirse camiño alí, EGANET (Asociación de Empresas Galegas Adicadas a Internet e as Novas Tecnoloxías) abandeira un proxecto de internacionalización do sector TIC no pais suramericano, facilitándolle os trámites administrativos ás empresas galegas interesadas en achegarse a este mercado.
Neste acto, celebrado hoxe en Compostela, os responsables da iniciativa (membros de EGANET, AGASOL e o Clúster TIC) aseguraron que “o desexo de entrar en mercados exteriores vai en aumento en Galicia” un dato que corroboran as máis de 1700 entidades que este ano solicitaron axudas de internacionalización ao IGAPE, preto de 300 máis que no 2010.
Brasil é, segundo coincidiron os enxeñeiros, economistas e fiscalistas que na cita compartiron experiencias sobre este mercado, “unha potencia de primeira orde e un novo actor internacional co que se debe contar”, co engadido de que ten unha proximidade cultural e idiomática que facilita a negociación e o entendemento con Galicia.
Entre os seus principais atractivos destaca tamén o autofinanciamento do desenvolvemento, a seguridade xurídica e institucional xunto coa riqueza natural, o tamaño do seu mercado interior e o seu nivel de desenvolvemento, todos eles factores que espertan o interese das empresas galegas.
A Misión Comercial TIC O Brasil é un proxecto conxunto orientado a que as empresas de ámbolos dous países concreten negocios e abran vías de colaboración, que se desenvolverá entre o 26 de setembro e o 2 de outubro ao outro lado do Atlántico. Nesa data, unha delegación de empresas TIC galegas viaxará a Sao Paulo para manter contactos con clientes, distribuidores e provedores brasileiros, con características e necesidades axeitadas a cadanseus negocios.
Esta non é a primeira vez que as empresas TIC galegas viaxan a Brasil en proxectos de internacionalización da man de EGANET, e na última viaxe, o obxectivo tamén foi o país curmán, malia que desa volta o obxectivo estaba no punto de mira da transferencia tecnolóxica, máis que na procura de ocos de mercado.
Este proxecto está financiado polo IGAPE e conta coa colaboración de AGASOL e o Clúster TIC Galicia.

PUBLICIDADE