EE UU prepara un proxecto tecnolóxico para evitar crimes avaliando o físico das persoas

luns, 13 de agosto do 2007 Fernando Sarasketa

Para poñer sobre a mesa casos de presunción de culpabilidade dun individuo ou dun colectivo, non é preciso ollar cara ó futuro nin facer libros e películas de ciencia ficción. Temos caso de abondo preto de nós, e non hai moitos sinais que indiquen que se vaia traballar nunha liña alternativa. Por exemplo: cada vez que mercamos un CD virxe hai alguén que presupón que van ser para un determinado tipo de copia. Noutra orde cousas, a situación adquire tintes certamente máis graves cando hai un órgano estatal que avalía o teu comportamento e a túa fasquía para logo metela nunha base de datos e, por medio de certas operacións de cálculo, “saber” se vas cometer determinados delitos.
Isto é no que consiste un proxecto do US Department of Homeland Security chamado Project Hostile Intent e que sae reflectido estes días na revista New Scientist. A idea, tal e como a reflicte o blogueiro Enrique Dans, baséase na análise dos máis dos catrocentos millóns de persoas que entran cada ano en Estados Unidos para procesar en tempo real datos físicos e de comportamento para tratar de saber se levas un terrorista dentro.
A iniciativa, que non é nova (a novidade reside no incremento dos medios dispostos e dos obxectivos), apoiarase no uso de tecnoloxía láser, de detectores de movemento ocular e de sensores infrarroxos, entre outro equipamento. Até o de agora, semellantes prácticas se teñen levado a cabo nunha iniciativa chamada Programa SPOT, baseado na detección de miúdos sinais na faciana dos “sospeitosos” de algún tipo de delito (nun país coma Estados Unidos e, no futuro todos os restantes, calquera persoa que veña de fóra).

PUBLICIDADE