EE UU estuda a posibilidade de pechar Internet en casos de ciberemerxencia

luns, 18 de maio do 2009 Fernando Sarasketa

Barack Obama e o seu Goberno seguen emitindo sinais preocupantes en materia de Redes. Á espera de saber de verdade cara a onde van tirar finalmente, e á espera tamén de que se confirmen certas novas anunciadas onte, a verdade é que cada vez vai ficando menos marxe para unha Sociedade da Información como exemplo das liberdades que, por unhas razóns ou por outras, non se conseguiron na sociedade real. Con todo, e insistimos en advertir sobre este punto, aínda hai fíos soltos e pouca cousa constatada. Polo de agora, o que si que semella haber é borradores, como por exemplo o que veñen de presentar no Congreso dos Estados Unidos os senadores Jay Rockefeller (demócrata) e Olimpia Snowe (republicana): un proxecto de lei que vai encamiñado a dar poder ao Goberno para limitar ou mesmo suprimir as comunicacións na Rede en caso de emerxencia.
Segundo se conta en eff.org e se fan eco en webs como Guerra y Paz, este borrador dá unha serie de claves de por onde lle gustaría ir aos EE UU en materia de Internet, converténdose a figura do presidente no responsable último da plataforma ao elixir el mesmo, en caso de risco por seguridade a través da Rede, se esta continúa activa ou non e até que punto.
Neste caso, supoñemos que nun caso grave para o país e (sobre todo) os seus representantes, o Goberno tería acceso a todos aqueles datos relativos ás redes sen consideración legal, regulación, norma ou mesmo política que restrinxa o devandito acceso. Para velar por estes asuntos e, sobre todo, para saber identificar unha situación que requira destas medidas, os dous senadores propoñen a creación dun asesor de seguridade cibernética que teña contacto directo co presidente para examinar polo miúdo os riscos que pode desencadear calquera situación de ataque ou ameaza en liña. Este paquete de actuacións para desenvolver en caso de emerxencia (que non é cousa nova, posto que gran parte dos países contan co seu respectivo feixe de medidas de excepción para circunstancias de risco), ten, iso si, unha particularidade que non ten ningún outro paquete: que contempla este tipo de actividade das autoridades no eido cibernético.

PUBLICIDADE