EDISA, incluída no top 100 estatal de empresas TIC

venres, 5 de abril do 2013 Redacción

A firma galega EDISA, da que ofrecemos estes días un exhaustivo achegamento á súa actividade, vén de facerse un oco na listaxe estatal de cen primeiras empresas do sector tecnolóxico-dixital. A incorporación da compañía radicada en Ourense (Tecnópole) e Vigo (aínda que contando con múltiples emprazamentos en España e Latinoamérica), está a ser recibida na propia empresa como un importante recoñecemento ao traballo ben feito, principalmente na área de actividade que lle é propia: a de desenvolvemento e implantación de tecnoloxías para a xestión empresarial, sendo a plataforma LIBRA o seu produto estrela. A devandita listaxe (Ranking de Empresas Nacionais do Sector TIC, en pdf), publicada recentemente por Computer World, sitúa a EDISA no posto 87. Nos primeiros postos temos compañías como Telefónica, Vodafone, Indra, HP e IBM.
EDISA, compañía galega fundada en 1983, centra unha boa parte dos seus esforzos na mellora e optimización, a través de diversas ferramentas, de tódolos proceso de negocio que se levan a cabo no seo dunha entidade. Arestora conta con máis de 500 clientes pertencentes a máis de 60 sectores de actividade, que na súa meirande parte son medianas e grandes empresas. EDISA dispón dun equipo humano de 200 profesionais. Conta cun importante departamento propio de I+D, o seu Centro de Innovación na Tecnópole ourensá. Alí desenvolven o seu traballo máis de 50 profesionais, desenvolvendo novas funcións para a plataforma LIBRA ou ben adaptando a plataforma ás novas demandas dos mercados externos que, como o Latinoamericano, son agora un espazo de actividade corrente para EDISA.

PUBLICIDADE