E-Dixgal chegará o vindeiro curso a 600 centros educativos galegos

mércores, 11 de maio do 2022 Redacción

O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade en funcións, Román Rodríguez, visitou hoxe os expositores dos 23 centros educativos participante nos obradoiros do I Congreso de Innovación Educativa e Dixital, DixInnova 2022. No seu percorrido pola feira, o titular do departamento de ensino do Goberno galego anunciou que o número de centros participantes no programa de libro dixital da Xunta, E-Dixgal, se elevará o vindeiro curso a 600, ao abeiro da incorporación de 55 novos centros a esta iniciativa. «Deste xeito agardamos acadar os 60.000 alumnos estudando con libro electrónico de balde nas aulas galegas», destacou.
O conselleiro, acompañado polo secretario xeral de Educación e Formación Profesional, José Luis Mira, sinalou que dos 55 novos centros en E-Dixgal que se poñen en marcha coa colaboración da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, 43 incorporan o programa na etapa de Primaria, 10 en ESO e 2 en Primaria e ESO á vez. Ademais, un centro que xa contaba co programa en Primaria incorpórao para o curso que vén en 1º de ESO.
Da totalidade de centros E-Dixgal o 94% son públicos. Por provincias, 216 deles están na da Coruña, 98 na de Lugo, 54 na de Ourense e 232 na de Pontevedra.

Experiencias innovadoras

Durante o seu percorrido polos 23 expositores de Dixinnova 2022, Román Rodríguez tivo a oportunidade de coñecer de primeira man o traballo do alumnado coas novas tecnoloxías arredor do espazo virtual, a robótica ou a impresión 3D.
Entre os proxectos que o alumnado e os seus docentes están a presentar no marco do congreso, o conselleiro en funcións puido comprobar o funcionamento dunha bicicleta intelixente para a mellora da seguridade viaria, dun brazo robótico, de simuladores de voo e soldadura, así como dun escape room con realidade aumentada, dunha cidade sostible no metaverso e dunha ruta ciclista virtual.
Así mesmo, nos expositores pode contemplarse un xogo elaborado polos estudantes arredor do corpo humano e os hábitos de vida saudable, participar nun taller de drons, así como en dúas iniciativas de radio e televisión innovadoras na escola, entre outros proxectos.
O titular do departamento educativo da Xunta felicitou a profesorado e alumnado por estes traballos e sinalou a importancia deste tipo de iniciativas para avanzar na consecución das prioridades estratéxicas da Estratexia de Educación Dixital 2030, «que pasan por fomentar o desenvolvemento dun ecosistema educativo dixital de alto rendemento e perfeccionar as competencias e capacidades dixitais para unha verdadeira transformación dixital», dixo.

PUBLICIDADE