Ducias de PEME galegas participan na xornada múltiple da segunda entrega de Vendes en Internet?

xoves, 21 de marzo do 2013 Fernando Sarasketa

A segunda edición de Vendes en Internet?, programa do Goberno central para conseguir que as nosas PEME usen máis e mellor o comercio electrónico, chegou finalmente a Santiago a través dunha presentación-xornada formativa na que participou un bo número de representantes (arredor de 50 en Santiago e ducias deles en diversas aulas CeMIT) do noso tecido económico, sobre todo do eido téxtil, co obxectivo de afondar nas vantaxes de vender e promoverse en liña e nos xeitos de tirarlle o máximo partido. A cita múltiple comezou ás 10 da mañá deste xoves tendo como centro de operacións, físico, o Centro Demostrador TIC de Galicia (no marco da I Semana Tecnolóxica adicada ao téxtil galego) e retransmitindo ás aulas da Coruña, Pontedeume, Padrón, Ortigueira, Pontevedra, Lalín, Ponteareas e Celanova.
O obxectivo xeral de Vendes en Internet?, programa da Secretaría de Estado de Telecomunicacións e para a Sociedade da Información (en colaboración coa Xunta de Galicia) é apoiar ás PEME e autónomos no emprego do comercio electrónico como nova canle de venda.
A cita en Santiago foi basicamente unha xornada formativa, gratuíta e dirixida ás empresas do sector téxtil e de calzado que queiran iniciarse na venda por Internet. Emporiso, no obradoiro en cuestión (de oito horas de duración), tratáronse diferentes aspectos a ter en conta para o establecemento dunha tenda online: modelo de negocio, plan de mercadotecnia, loxística, medios de pagamento, aspectos legais e plataformas de e-commerce. De xeito paralelo e complementario, abordáronse exemplos concretos de compañías que viven por e para esta metodoloxía de venda e promoción (Amazon, Dropbox, Paypal, eBay, Kayak, Hunch, etc), falouse de como está a medrar esta actividade (o comercio electrónico ten en España unha taxa de crecemento interanual de entre o 20 e o 30%), avaliáronse as eivas estatais nesta materia (co Reino Unido, Alemaña e Francia levándonos entre sete e oito anos de vantaxe, co que é de urxencia tentar acadar as súas taxas de uso) e pasouse lista polas principais vantaxes que atopan compradores e vendedores na práctica do comercio electrónico. Vantaxes entre as que se conta, de maior a menor, as seguintes: posibilidade maior de atoparmos ofertas e promocións, comodidade, aforro de tempo e esforzos e desprazamentos, meirande gama dispoñíbel, facilidade para comparar, rapidez no subministro ou simplicidade na compra.
Como dixemos, Vendes en Internet? atópase arestora na súa segunda edición. En 2012, informa o Ministerio de Industria, serviu como punto de encontro de 2.345 PEME de todos os sectores e de toda a xeografía española que asistiron ás 70 sesións de formación e aos 37 obradoiros de asesoramento presencial.

PUBLICIDADE