Dubsmash permite compartir os seus lip-sync en Twitter

xoves, 15 de outubro do 2015 Marcus Fernández

Nos últimos meses a aplicación para iOS e Android Dubsmash, que permite aos seus usuarios a creación de auto-vídeos con audio pre-gravado, converteuse nun fenómeno viral tal que rematou agosto con 75 millóns de instalacións, o que é todo un logro para un proxecto ao que aínda celebrará o seu primeiro aniversario o mes que vén.
Esta ferramenta está a resultar moi contaxiosa grazas ás divertidas pezas audiovisuais que permite crear cuns pasos moi sinxelos: primeiro eliximos un son (un anaco dunha canción, un momento dunha película, unha frase dunha celebridade...), logo gravamos un vídeo interpretando o son mentres se grava coa cámara do noso móbil, e finalmente collemos o vídeo resultante no que facemos un lip-sync para compartilo coas nosas redes sociais. Precisamente esta última funcionalidade é na que máis están a esforzarse ultimamente dende a startup xermana que a desenvolve, e veñen de engadir a posibilidade de compartir vídeo a través de Twitter, o que sen dúbida contribuirá a viralizar os contidos creados en Dubsmash.
Nos últimos meses son moitas as celebridades que empregaron Dubsmash, o que contribuíu considerablemente á súa sona e, posiblemente, nas vindeiras semanas dea un importe empurrón grazas á aparición no programa The Tonight Show Starring Jimmy Fallon, onde o presentador emprega a aplicación cos seus convidados, sendo Selena Gómez a primeira en someterse a tal proba que promete invadir as novas cronoloxías sociais nos vindeiros meses de manter o seu pulo actual.

Selena Gómez probando Dubsmash con Jimmy Fallon

PUBLICIDADE