Dubidá pon en marcha un servizo de balde para levar a nosa música ás principais plataformas dixitais

mércores, 26 de xuño do 2013 Fernando Sarasketa

A nova produtora Dubidá, posta en marcha contra o vento e a marea da crise da industria discográfica (que é unha crise en toda regra), presentou estes días unha iniciativa interesante para todos aqueles que valentemente queiran seguir apostando, nestes tempos que corren, pola edición musical e a distribución no mundo deste tipo de produtos. O servizo chámase Distribúe-T e achega unha serie cousas a ter en conta no eido da autoedición, como por exemplo axudando aos creadores en tódolos elos da cadea que une o intre en que se decide subir unha canción á Rede e o intre en que chega a un oínte. En definitiva, permite que compilemos a nosa música, que a editemos e que a distribuamos nas plataforma dixitais (iTunes, Spotify, Amazon, Google Play, Deezer) sen custe algún e dispoñíbel para ser escoitada e gozada en streaming.
O proceso, sinalan, é moi sinxelo: só teremos que achegar os nosos temas en formato .wav e completalos cunha portada para publicar o noso traballo. “Dependendo do número de temas que se queiran subir”, engádese, “poderemos elaborar un disco sinxelo, un EP ou un álbum completo, e tamén poderemos decidir a que prezo queremos que se venda nas tendas dixitais”.
Lembrar que Dubidá é unha produtora e distribuidora global de contidos dixitais (música, vídeo e libro electrónico), creada por profesionais con experiencia na industria musical, audiovisual e editorial, así como na xeración de contidos e a comunicación 2.0. Distribúe produtos a través de máis de 100 plataformas e tendas en todo o mundo (iTunes, eMusic, Spotify, Movistar, Nokia, Amazon, Youtube, Dailymotion) e produce e escolma contidos, adaptando os produtos aos novos hábitos de consumo e facilitando o acceso ao novo perfil de usuarios.

PUBLICIDADE