Dúas peticións galegas en Change.org, na escolma de vitorias do ano da plataforma

luns, 15 de decembro do 2014 Fernando Sarasketa

Unha das campañas galegas ía directamente encamiñada a protexer aos animais

Os impulsores no ámbito estatal da plataforma Change.org, que xunta a activistas-internautas de todo mundo brindándolles a posibilidade de apoiar mobilizacións ou protestas de xeito doado e inmediato, veñen de facer reconto dos máis salientábeis logros acadados pola comunidade: éxitos canalizados a través de todo tipo de peticións colectivas. Pois ben, na listaxe de sete peticións seleccionadas para ilustrar o potencial de acción e consecución da plataforma a nivel español hai dúas iniciativas relacionadas coa nosa terra.
Son, máis en detalle, dúas peticións creadas en Galicia. Por unha banda a creada pola Asociación Animalista Libera para solicitar, como xa se conseguiu, o endurecemento das penas por malos tratos animais e, pola outra, a conseguida por Francisco Yépez, que logrou que Vigo teña un servizo de atención para lesionados medulares.
As dúas campañas forman parte do vídeo de vitorias que resume o ano que enfía a súa recta final en materia de activismo en liña. Trátase dun pequeno resumo protagonizado polos propios impulsores das iniciativas, que conseguiron incidir en ámbitos como a igualdade, os dereitos dos animais ou a accesibilidade.
Lembrar que a plataforma acadou en 2014 os seis millóns de usuarios en España. Isto significa que o 20% dos internautas son usuarios da devandita comunidade de activistas. En palabras de Francisco Polo, director de Change.org a nivel estatal, “España é o país do mundo cunha maior proporción de usuarios de Change.org e os cambios que conseguen os usuarios, a súa capacidade de incidir na axenda pública e a repercusión das peticións, é boa mostra diso”.
Dos devanditos seis millóns de usuarios, 3.193.932 participaron en peticións que conseguiron o seu obxectivo. Só este ano, máis dun millón de activistas de Change.org experimentaron vitorias por primeira vez. “En Galicia”, informan os responsábeis da plataforma, “o número de membros da comunidade supera os 326.000 cidadáns o que supón un de cada cinco galegos con Internet xa inicie ou asine algunha petición”.
Change.org tamén salienta o caso da viguesa Beatriz Figueroa, enferma de cancro, que xa conseguiu máis de 516.000 sinaturas solicitando unha maior protección para os enfermos da dita doenza en situación de desemprego. A súa campaña lidera o ránking de peticións en canto a número de apoios acadados. Lembrar que Beatriz é avogada e xornalista e, en palabras da plataforma, “tivo a mala sorte de ser diagnosticada de cancro mentres estaba desempregada”. Arestora está a pedir ao Congreso dos Deputados que cambien a lei e protexan aos enfermos desta doenza. En novembro un xulgado recoñeceulle a incapacidade permanente. Gañou unha batalla xudicial, pero mantén a súa loita para conseguir esa protección para os enfermos de cancro.

PUBLICIDADE