Dúas empresas ceden 10.000 euros en material á ETS de Enxeñeiros Industriais

xoves, 12 de febreiro do 2009 Marcus Fernández

Enrique Paz, Luís González, Ana Rellán e Salvador Badía na sinatura do convenio

A Escola Técnica Superior de Enxeñeiros Industriais da Universidade de Vigo recibiu unha dotación de material por valor de 10.000 euros por parte das empresas Sick e Electrosón Galicia dentro da campaña SafetyPlus 2007, o que permitirá aos alumnos da ETSEI beneficiarse nas clases das últimas tecnoloxías en sistemas de sensores para a automatización coma son cortiniñas de seguridade (que impiden o acceso dos operarios a zonas perigosas das máquinas), detectores de infravermellos para a automatización industrial ou un sensor láser para empregar nos robots móbiles.
Esta achega de material formalizouse nunha sinatura simbólica dun convenio de cesión no que estiveron presentes Enrique Paz, director do Departamento de Enxeñaría de Sistemas e Automática; Luís González, director da ETSEI; Ana Rellán, xerente da empresa pontevedresa Electrosón e Salvador Badía, xerente de Sick en España, quen coincidiron na importancia de manter unha estreita colaboración entre as universidades e as empresas, «unha relación que nos beneficia a todos e que, neste caso, permitirá aos novos alumnos dispor dunha importante gama de sensores coa que mellorar a docencia», segundo indicou Enrique Paz.

PUBLICIDADE