Dúas empresas TIC da Tecnópole representan a España no Euronoise 2009

luns, 26 de outubro do 2009 Raquel Noya

A empresa Sonen, Centro de Acústica e Servizos de Telecomunicacións, e a spin-off que puxo en marcha xunto coa Universidade de Vigo, Sound of Numbers, son as únicas representantes españolas que acuden hoxe ao congreso europeo Euronoise 2009, o máis importante do sector a nivel internacional, que está a desenvolverse na cidade británica de Edimburgo.
No Euronoise deste ano, que finaliza o vindeiro mércores 28, déronse cita preto de 50 empresas de toda Europa dedicadas ao desenvolvemento de tecnoloxías e sistemas de control do ruído, entre as que se atopa Sonen, que inicia a súa actividade na incubadora de empresas de Tecnópole e que apenas conta con dous anos de actividade profesional.
Neste corto espazo de tempo dende a súa creación, esta entidade xa foi recoñecida cun premio do certame de Proxectos Empresariais Innovadores da Universidade de Santiago de Compostela (USC) e agora, acude a Edimburgo para dar a coñecer a súa actividade alén das nosas fronteiras.
Asemade, a partir da súa estreita relación en proxectos de I+D+I con outra das Universidades galegas, a de Vigo, naceu a spin-off Sound of Numbers, que agora se presenta no congreso europeo máis relevante no seu ámbito de actividade.
O primeiro logro importante da spin-off de Sonen e a Universidade de Vigo foi un novo software para o cálculo de illamento acústico en edificios segundo o Código Técnico da Edificación.
A aplicación SONarchitect CTE, que permite estimar o illamento acústico da totalidade dun edificio conforme á nova normativa, foi moi ben acollida polo sector da construción no seu primeiro ano de vida porque, segundo afirman os seus responsables, “cobre a lagoa que as esixencias do Código Técnico de Edificación deixaron no mercado, xa que as ferramentas de cálculo existentes até entón verificaban unicamente o illamento por pares de recintos (habitacións), o que obrigaba ao arquitecto a introducir varias veces a información dun mesmo proxecto”.
Agora, en Edimburgo, a empresa presentará unha nova versión da aplicación, a SONarchitect ISO, na que, seguindo a mesma filosofía que a orixinal, realizará os cálculos de illamento acústico na totalidade dun edificio, esta vez adaptado á normativa europea, seguindo a norma ISO UNE 12354.
Segundo informa Sonen, “estas son aplicacións de software intelixente que analizan o edificio no seu conxunto, realizan a verificación integral de todos os requirimentos para todos os pares de recintos dun mesmo inmoble e emiten unha folla xustificativa”. Ademais, engaden, “permítenlle ao proxectista debuxar con toda flexibilidade o seu edificio, visualizalo en 3D e actuar sobre el”.
Ademais de participar cunha caseta propia na zona de expositores de Euronoise, Sound of Numbers presentará un relatorio sobre as súas investigacións no cálculo de perdas de inserción en sistemas illantes de vibracións en trens.

PUBLICIDADE