Dúas ducias de relatores mostran no Congreso Flúor as novas tendencias en mercadotecnia dixital

luns, 4 de outubro do 2021 S. P.

O Congreso Atlántico de Marketing Dixital Flúor volve en presencial para a súa terceira edición. Faino con dúas ducias de relatores en Galicia e emitirase en directo por Internet. Celebrarase esta semana, os días 7 e 8 de outubro, na sede de AFundación en Pontevedra. O programa inclúe 15 conferencias, 2 mesas redondas e 4 obradoiros prácticos, durante 2 días, aberto a todos os interesados no negocio dixital.
Intervirán 25 expertos de empresas como Google, TikTok, Prestashop, Coca-Cola Europacific Partners, Movistar+TV ou Palladium Hoteles, ademais de expertos como José C. Cortizo ou Javier Consuegra, axencias e referentes dixitais de primeiro nivel. A maiores de Cortizo ou Consuegra, contarase coas intervencións de Carolina Fernández (Google Shopping), José González Marcos (Prestashop), Mercedes Blánzquez (xerente de Negocio e Marketing en Movistar+TV) ou Concha Wert (directora xeral do Club de Creativos).
Está promovido polo Clúster de Comunicación de Galicia, que integra a toda a cadea de valor do sector: mercadotecnia (marketing), publicidade, comunicación, impresión, deseño. Forman parte do Clúster asociacións profesionais como a Asociación Galega de Mercadotecnia MARKEA, a Asociación de Directores de Comunicación DIRCOM Galicia, Executivas de Galicia, ou a asociación Creatividade Galega.

PUBLICIDADE