Drons e IA para analizar as tácticas futbolísticas

mércores, 14 de febreiro do 2024 Redacción

A directora da Axencia Galega de Innovación, Patricia Argerey, e o presidente do Club Deportivo Lugo, Tino Saqués, participaron hoxe no estadio Anxo Carro nunha demostración da startup Fly-Flut, que desenvolveu unha solución que emprega tecnoloxías de vehículos non tripulados e software de intelixencia artificial para que os equipos de fútbol dispoñan dunha mellor experiencia de análise táctica en adestramentos e partidos.
Fly-Fut é unha das doce participantes na 5ª edición da Business Factory Aero (BFAero), o programa de incubación, aceleración e consolidación de proxectos empresariais innovadores no eido dos vehículos non tripulados impulsado pola Xunta en colaboración coa Fundación CEL Iniciativas por Lugo no marco do Polo Aeroespacial de Galicia.
Fronte ás solucións de gravación táctica con cámara fixa, desde torre ou desde andamio, o software de Fly-Fut ofrece máis imaxes e máis datos e cunha maior calidade e achega información sobre distancias e velocidades sobre a imaxe do dron, ofrecendo así un valor diferencial. As súas principais vantaxes, aplicables tanto ao primeiro equipo dos clubs como á canteira, son o aforro de tempo de análise e unha maior precisión e flexibilidade na toma de planos. Isto facilita a comprensión, axuda a mellorar a execución e fortalece a confianza de xogadores e corpo técnico.
Fly-Fut, que aplica tecnoloxías de vehículos non tripulados ao eido deportivo, súmase na 5ª edición da Business Factory Aero a outros once proxectos que ofrecen solucións para emerxencias e rescates, xestión e monitorización de flotas de drons, desenvolvemento de sistemas de propulsión autónomos en órbitas VLEO, análise e inspección de infraestruturas ou formación no manexo de vehículos non tripulados, entre outras.

PUBLICIDADE