Doutoramento Industrial permitirá 15 novas contratacións en empresas e centros tecnolóxicos

luns, 9 de xaneiro do 2023 S. P.

O Goberno galego resolveu a segunda edición do programa de Doutoramento Industrial, unha convocatoria que permite a contratación de 15 doutorandos por parte de empresas e centros tecnolóxicos e de innovación para a realización da súa tese nunha contorna empresarial, dos cales oito son homes e sete mulleres.
Cunha axuda total de 1.864.000 euros, a iniciativa permitirá a contratación de 15 estudantes de doutoramento do sistema universitario galego para que desenvolvan a súa tese en empresas e centros tecnolóxicos galegos no período 2022-2026. En detalle, 12 persoas doutorandas realizarán a súa tese en empresas e tres en centros tecnolóxicos en áreas de coñecemento como as ciencias, as ciencias da saúde, a enxeñaría, a química, a nanotecnoloxía ou a biotecnoloxía.
O persoal investigador contratado debe estar inscrito nun programa de doutoramento dunha universidade galega e ter un director de tese vencellado a este programa. Ademais, o proxecto de investigación no que se sustente a tese de doutoramento deberá orientarse a resolver as necesidades e problemas da empresa ou centro de innovación e tecnoloxía que o acolla.
As axudas cobren os custos de contratación e os gastos relacionados co proxecto, tanto na universidade como na empresa, así como apoios para a realización de estadías de tres meses no estranxeiro.
A primeira edición do programa xa permitiu a contratación doutros 15 estudantes de doutoramento. Esta iniciativa súmase ás medidas que o Goberno galego está poñendo en marcha co obxectivo de apoiar o talento e crear emprego de calidade no eido da investigación como Oportunius, Talento Sénior, Principia, Investigo, Ignicia e os programas de apoio ás etapas predoutoral e posdoutoral.

PUBLICIDADE