Dous traballos do CITIC sobre IA e sustentabilidade, premiados polo Comité Español de Automática

luns, 26 de setembro do 2022 S. P.

O CITIC (Centro de Investigación TIC) da UDC conseguiu novos e importantes logros no ámbito da Intelixencia Artificial aplicada ao desenvolvemento sustentábel, un eido de actividade considerado “estratéxico” para a transferencia tecnolóxica do centro de investigación coruñés. Así, o grupo que dirixe José Luis Calvo-Rolle vén de recibir cadanseu premio da man do Comité Español de Automática (CEA) por dous traballos sobre control intelixente en enerxía eólica e almacenamento de enerxía con hidróxeno, respectivamente.
Os recoñecementos fortalecen as áreas de investigación en IA aplicada á sustentabilidade nas que traballa o CITIC, en colaboración con entidades públicas e privadas, en liña cos obxectivos globais de eficiencia enerxética. Neste eido, destacan iniciativas de alcance europeo no contexto Horizonte 2020, como o Smartees, para modelado de innovación social enfocada á transición cara a eficiencia enerxética e a sustentabilidade; ou o acordo que mantén co Concello da Coruña desde o pasado ano para avanzar, como socio tecnolóxico, na dixitalización da mobilidade e no deseño dun mapa de zonas de baixas emisións.
Maior eficiencia no almacenamento de enerxía con hidróxeno
Segundo explicaron fontes do CITIC, o artigo Intelligent hybrid system for the prediction of the voltage-current characteristic curve of a hydrogen-based fuel cell céntrase “nunha aplicación punteira e moi prometedora” enfocada ao almacenamento de enerxía mediante hidróxeno, considerado aliado da loita contra o cambio climático. Concretamente, “falamos dun modelo híbrido intelixente para predicir o comportamento dinámico dunha pila de combustínrl alimentada por hidróxeno. O proceso de modelado é capaz de captar a enorme complexidade do comportamento do sistema grazas á combinación de técnicas de agrupamento e, posteriormente, técnicas intelixentes de regresión con redes neuronais artificiais sobre cada un dos grupos”, explica José Luis Calvo-Rolle. Esta contribución, engade, representa a gran vantaxe de coñecer con antelación o estado en que se atopa a pila de combustíbel, permitindo xestionar a estratexia do seu control de maneira máis eficiente.
Algoritmos intelixentes para prever anomalías na fabricación de aero-xeradores
No outro artigo premiado (Anomaly detection based on intelligent techniques over a bicomponent production plant used on wind generator blades manufacturing) trátase a detección de anomalías nunha instalación empregada para obter o material do cal se fabrican as pas de aero-xerador. “A súa principal achega reside en que a aparición de anomalías é detectada de maneira satisfactoria sen contar con coñecemento previo sobre a natureza destas, o cal é especialmente complexo tendo en conta o amplo abano de posíbeis fontes orixinarias dun evento adverso nunha contorna industrial, como poden ser os fallos en sensores e actuadores, o envellecemento de equipos, as perturbacións nas medidas, etc”, en palabras do investigador do CITIC. Esta tarefa realízase a través de algoritmos intelixentes de tipo one-class que aseguran a detección precoz de anomalías, contribuíndo ao mantemento, á optimización e, consecuentemente, á eficiencia da instalación.

PUBLICIDADE