Dous proxectos confirman ao CITIC como socio estratéxico para a convocatoria FEDER Innterconecta 2015

martes, 23 de xuño do 2015 Redacción

O pasado 30 de abril quedou aberta de maneira oficial a Convocatoria FEDER Innterconecta 2015, que xestiona o Centro para o Desenvolvemento Tecnolóxico Industrial (CDTI). Unha vez máis, o Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información e as Comunicacións (CITIC) sitúase como un socio estratéxico para aquelas empresas que desexen presentar proxectos que xeren capacidades innovadoras. Recentemente, o CITIC traballou en dous proxectos adxudicatarios de axudas por parte de anteriores convocatorias FEDER Innterconecta: os proxectos Conforship e Bio+.
En ambos participaron investigadores da área Tecnolóxica de Intelixencia Artificial e Aplicacións do CITIC, en consorcio con membros doutras empresas, e o seu desenvolvemento foi posíbel grazas ao apoio do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER), o Centro para o Desenvolvemento Tecnolóxico Industrial (CDTI), o Ministerio de Economía e Competitividade e a Axencia Galega de Innovación (GAIN).
Esta área traballa con técnicas que gozan dunha gran demanda en diferentes contornas, grazas á súa capacidade de dotar dun comportamento intelixente a moitas aplicacións. A súa aplicación no sector da enxeñaría naval é moi ampla, e neste marco atópase o primeiro dos proxectos devanditos, Conforship, que persegue a implantación efectiva dun novo sistema de conformado térmico automático na industria da construción naval, para a obtención de chapas de curvatura complexa. Na actualidade, lembran fontes do CITIC, “non existe en Europa ningún proxecto semellante que pretenda resolver o problema mencionado, si noutros países con moito mercado naval, como Xapón”.
O proxecto, desenvolvido entre abril de 2013 e decembro de 2014, foi promovido polos estaleiros C.N.P. Freire e Nodosa, en colaboración con Nodosafer (especialistas en deseño, fabricación e reparación de maquinaria para granito), Syspro Engineering (expertos en enxeñaría de procesos, automatización, robótica, visión artificial e validacións) e Coremain (consultora especializada nas tecnoloxías da información que deu forma á aplicación informática).
En relación ao labor dos centros tecnolóxicos, Conforship contou coa colaboración Aimen-CITIC. O primeiro tiña xa experiencia na construción de barcos, determinando por onde debían pasar as liñas de calor mediante un sistema de cálculo por elementos finitos. “Este cómputo”, explican fontes do CITIC, “resultaba moi complexo e levaba varios días, polo que se recorreu ao CITIC para aplicar técnicas de intelixencia artificial que extraesen do sistema de Aimen o coñecemento preciso acerca do comportamento das propias chapas”. Bertha Guijarro, investigadora da área Tecnolóxica de Intelixencia Artificial e Aplicacións do CITIC, explica que “aplicouse un algoritmo de procura de liñas de calor que guindaba resultados en cuestión de segundos”.
O segundo proxecto Innterconecta foi Bio+, cuxo inicio tamén coincidiu coa primavera de 2013. O obxectivo foi desenvolver novas tecnoloxías que optimizasen e aumentasen a eficiencia na operación e mantemento de caldeiras de biomasa, reducindo os fallos aos menos posíbeis. O proxecto estivo liderado por ENCE Enerxía e Celulosa (referente europeo en produción de celulosa de eucalipto e primeira empresa española en produción de enerxía renovábel con biomasa forestal), Keyplan (ligada ao mundo da enerxía renovábel), Roca Roibas (adicada á comercialización de compoñentes industriais de instrumentación e control) e Maximino Seoane (especializados no mantemento integral ofrecendo servizos de mecanizado, caldeirería, construción de maquinaria, etc).
Para este proxecto volveu contarse coa colaboración do binomio Aimen-CITIC. A achega dos centros tecnolóxicos produciuse en dúas liñas. Por unha banda, Aimen e ENCE procederon ao estudo de novos materiais e recubrimentos que loitasen contra a corrosión e a erosión producidas polas areas presentes nos tubos. Doutra man, o CITIC desenvolveu un sistema de seguimento que fose quen de predicir a evolución da corrosión na planta. Este sistema permite, ao que o controla, actuar fronte a posíbeis fallos ou avarías na caldeira de tal maneira que, indirectamente, contribúese a un mellor mantemento do dispositivo. Óscar Fontenla, investigador da área Tecnolóxica de Intelixencia Artificial e Aplicacións do CITIC, apunta que nestes intres “o proxecto implantouse de maneira experimental na planta de ENCE de Pontevedra”, e prevense uns bos resultados para o mesmo.

PUBLICIDADE