Dous investigadores do CiTIUS amosan o traballo do centro compostelán en Estados Unidos

xoves, 1 de setembro do 2016 Redacción

O investigador do CiTiUS Tomás F. Pena

Os investigadores do CiTIUS (Centro Singular de Investigación en TIC da Universidade de Santiago) Tomás F. Pena e Francisco F. Rivera viaxaron o pasado mes de xullo a Estados Unidos para participar nunha estancia estival de investigación na Universidade de Ilinois Urbana-Champaign, onde abordaron traballos relacionados coa información masiva (o Big Data) e os procesadores multinúcleo (aqueles que xuntan dous microprocesadores independentes nun só paquete e achegan un extra de flexibilidade, velocidade de cálculo e eficiencia nas aplicacións en comparación cos modelos previos).
A estadía dos investigadores do CiTIUS veu avalada polo programa de bolsas Fullbright, financiado polo Ministerio de Educación e o Fulbright Scholar Program que promove a Administración norteamericana. O obxectivo desta visita de traballo foi abrir liñas de colaboración regular entre o CiTIUS e o Computer Science Department da Universidade de Illinois.
Tomás F. Pena, investigador beneficiario deste programa de axudas, participou compartindo o seu coñecemento sobre ferramentas e solucións deseñadas no Centro Singular de Investigación TIC co gallo de, en palabras do CiTIUS, “optimizar o uso de tecnoloxías para o procesamento de grandes cantidades de datos, o que permitirá abordar problemas científicos moi custosos dende o punto de vista computacional e con grandes requirimentos de memoria e almacenamento, como acontece con frecuencia nas áreas de bioinformática e xenómica”.

O investigador Francisco Fernández Rivera

Pola súa banda, Francisco F. Rivera achegou a súa experiencia en procesadores multinúcleo, tanto a nivel de velocidade de execución como de consumo enerxético. Rivera é catedrático de Arquitectura de Computadores da Universidade de Santiago de Compostela (USC) e ten centrado boa parte do seu traballo nos eidos das aplicacións informáticas, o procesamento paralelo e a arquitectura de computadores.
Segundo explica o CiTIUS, o programa Fulbright é un dos máis potentes instrumentos de diplomacia pública coñecidos. Os seus participantes, elixidos con criterios de transparencia en base aos seus méritos académicos e profesionais e potencial de liderado, teñen a oportunidade de estudar, ensinar, investigar e intercambiar ideas e contribuír a atopar solucións a retos e intereses de alcance global. Dende a súa creación en 1946, o programa facilita intercambios entre cidadáns de EE UU e de máis de 150 países.

PUBLICIDADE