Dous de cada tres usuarios da Rede non diferenza unha nova dun rumor

mércores, 3 de setembro do 2008 Fernando Sarasketa

Perante todo o que se nos conta na Rede, como protexernos? Ou mellor dito, como saber se o que se di nunha web ou nun blog ou nun correo é certo ou non? Este fenómeno, ao que todo o mundo está en maior ou menor medida exposto (os xornalistas pican no anzol das mentiras en liña de xeito tan entregado como calquera outro internauta, e mesmo se teñen formado cadeas de mentiras imposibles de abranguer), non é máis que a transposición á complexidade da rede dos ruxerruxes da vida cotiá. Ou sexa, que o rumor tradicional conta os seus acenos na Rede por medres, firmes e constantes. O caso é que segundo a Asociación de Internautas, a cousa é cada día máis preocupante e, a día de hoxe, xa hai unha porcentaxe de dous de cada tres internautas sen posibilidade algunha de distinguir entre un bulo ou unha verdade.
O informe, feito co obxectivo de avaliar a pegada dos chamados hoax ou novas falsas entre 2.283 usuarios da Rede, achega outros datos de interese: os internautas tamén teñen unha percepción alta sobre a recepción de trolas, habendo un 44% dos mesmos que afirman recibir entre un e cinco por semana. Por certo que o máis histórico de todos eles semella ser ese que todo usuario do servizo Hotmail recibiu polo menos unha vez na vida e no que, por certo, aínda hai xente que sigue a picar: o correo no que se nos convida a facer envíos en cadea para evitar que nos cancelen a conta. Outro dos máis míticos bulos foi o dos gatiños metidos en botellas para convertelos en supostos bonsais-gatunos (na imaxe). A intención dos responsables destas informacións inventadas son múltiples e variadas, pero moitas delas teñen que ver coa arela de facerse con enderezos en liña de correo electrónica para logo enviar material publicitario. Tamén hai algúns que van dirixidos a crear confusión ou mesmo a variar o rumbo social e político dun concello, comunidade autónoma ou estado.

PUBLICIDADE