Docentes, alumnado e empresas compartiron experiencias TIC na 2ª Xornada Universidad 2.0

venres, 4 de maio do 2012 Raquel Noya

O salón de actos da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación da Universidade de Vigo converteuse onte nun punto de encontro onde docentes, alumnado e axentes empresariais compartiron as súas experiencias en torno á aplicación das TIC no ensino, facendo especial fincapé no uso de contidos e plataformas dixitais.
Foi durante a xornada Universidad 2.0, que serviu para poñer sobre a mesa un amplo abano de posibilidades tecnolóxicas para a educación superior, sen descoidar a creatividade nin os métodos tradicionais de ensino.
Nos diferentes relatorios púxose de manifesto, asemade, que as novas tecnoloxías e formas de aprendizaxe “requiren contornas de formación tamén innovadoras, abertas e en consonancia coa forma na que se comunican os alumnos e alumnas actualmente”, temas que, en palabras de Miguel Merino, presidente do comité organizador do evento, tratáronse polo miúdo dende o punto de vista da educación superior.
A xornada contou coa asistencia de Edita de Lorenzo, directora do centro organizador e Salustiano Mato, reitor do mesmo, quen apuntou que “baixo o epígrafe 2.0 hai moito máis ca software e hardware, o máis importante son as persoas”, e que a Universidade “quere ser parte relevante neste proceso”.
Tamén na liña de traballar por un “modelo de universidade do futuro para adaptarse aos novos tempos”, versou Edita de Lorenzo a súa intervención, e mesmo subliñou a necesidade de “aprender dos erros anteriores e buscar novas solucións” ao ensino superior.
O encontro, que puido seguirse por streaming desde diferentes lugares de Hispanoamérica, contou, entre as persoas asistentes coa presenza de profesionais de empresas como Microsoft ou Intel, entre outras.

PUBLICIDADE