Doafund.com fai un chamamento solidario para axudar ao cada vez maior número de familias en risco que acubilla
martes, 30 de xullo do 2013
Estamos xa en pleno
verán, unha estación que para moitos é motivo de ledicia e
relaxación e para outros unha verdadeira condena. Por exemplo, para
todas aquelas persoas, familias ou grupos sociais que saen adiante,
en boa medida, apoiándose na solidariedade dos demais. O problema,
de feito, é que en verán os solidarias escasean máis ca nunca, en
parte porque é período de vacacións para unha boa parte deles, en
parte porque a súa actividade en liña decrece. Disto son
perfectamente conscientes os promotores da web Doafund.com,
que, como lembraremos, diríxese a crear comunidade para apoiar
(patrocinar, apadriñar) as familias en risco de desafiuzamento dos
seus fogares. Pois ben, segundo nos contan, o seu servizo vai contar
en breve con máis familias para apoiar (logo dun esforzo importante
de identificación de novos fogares en risco), pero isto non vai
atopar correspondencia con máis patrocinadores. De feito, estes
meses son os de menor recadación. Polo tanto, fan un novo chamamento
solidario na Rede.
“Dende Doafund”,
sinalan, “estamos un pouco preocupados, xa que o mes de
xullo foi, con diferenza, o mes de menor recadación (lóxico tendo
en conta as vacacións de verán), o que pon en perigo o que se poida
axudar a todas as familias, algunhas nunha situación crítica”.
Unha mostra da baixa recadación de xullo é que, por primeira
vez, tiveron que facer uso do fondo común para completar a cota de
dúas familias, xa que non alcanzaran o seu obxectivo no prazo
marcado. Segundo nos explican Fernando Sierra e Luis Jiménez,
responsábeis do servizo, “é certo que a
devandita é a función do fondo común, pero de aumentarse as
axudas en agosto posiblemente este sexa esgotado, e isto podería
supor que en setembro algunhas das familias non conseguisen pagar as
súas cotas, coas consecuencias que isto podería ter”. Emporiso,
tal e como dixemos, piden máis que nunca a colaboración da
comunidade internauta, co fin de que os posíbeis voluntarios lles
boten unha ollada ás familias en risco, arestora en campaña, e
vexan as súas necesidades básicas e
a situación de ameaza constante na que están a vivir.
Como
lembraremos, a iniciativa Doafund.com
foi posta en marcha por dous galegos (Fernando Sierra e Luis Jiménez)
para habilitar na Rede un acubillo onde apadriñar fogares en risco
de desafiuzamento, sobre todo por mor do labor incansábel dos bancos
(en boa medida culpábeis, de xeito paradoxal, de que agora moitas
familias estean nesa situación).
Doafund.com non é
exactamente un servizo posto en marcha por unha ONG, senón unha
mestura de moitas cousas diferentes, achegando un carreiro a seguir
para outras iniciativas semellantes que, sen renunciar ao beneficio
económico, traballen ao mesmo tempo, declarada e notoriamente, a
favor da sociedade. Estamos pois ante un híbrido entre empresa, ONG
anti-crise e comunidade 2.0, que bota man da metodoloxía para xuntar
forzas nas redes: a metodoloxía do crowdfounding.