DoCoMo está a desenvolver novas pantallas 3D sen lentes

xoves, 15 de xullo do 2010 Marcus Fernández

A operadora nipona DoCoMo amosou durante o encontro Wireless Japan 2010 un prototipo de pantalla LCD autoestereoscópica (ou sexa, 3D sen lentes) que iría máis aló das pantallas presentadas por Toshiba (baseadas no concepto de barreira de paralaxe) e que empregaría a futura Nintendo 3DS, principalmente ao mellorar o ángulo de visión para continuar a percibir unha imaxe con profundidade, que sería de 30 graos, o que permite que o usuario non teña que manter unha posición excesivamente ríxida, para o que o sistema fai uso de 8 lentes lenticulares simultáneas.
Esta tecnoloxía aínda está nunha face conceptual, agardando estar lista dentro dun par de anos, e non só buscará mellorar o ángulo de visión, senón tamén operar en ambos eixes (vertical e horizontal) o que conseguiría unha percepción revolucionaria, que incluso podería chegar a teléfonos móbiles ou a outros trebellos móbiles, pois o prototipo amosado (cunha pantalla de 2,57 polgadas) corría cun procesador Qualcomm Snapdragon a 1 GHz, presente en multitude de terminais actuais.


O prototipo de DoCoMo amosado no Xapón

PUBLICIDADE