Dispoñible unha ferramenta para clasificar os nosos filmes en conexión directa con IMDB

luns, 4 de xaneiro do 2010 Fernando Sarasketa

En ocasións o problema non é ter poucos filmes no disco duro. O malo, ás veces, é ter moitos e, sobre todo, pendentes dunha clasificación idónea. Mentres non se faga, todos o sabemos, será como non ter nada. Se cadra unha boa alternativa para ir poñendo orde na colección sexa unha ferramenta que está en conexión directa con IMDB, unha web-base de datos que, como ben sabe quen andou algunha vez no Google procurando datos relativos a un filme ou a un director, pretende converterse (con perdón de allmovie ou de filmaffinity) na enciclopedia máis completa da Rede cinematograficamente falando. Pois ben, segundo se conta na Rede, EMDB (así se chama o recurso do que estamos a falar) importa directamente a información que manexa da base de datos de IMDB.
O resultado é o seguinte: contaremos co respaldo dos centos de milleiros de frikis do cine que alimentan cada día a criaturiña de IMDB. Porén, non todo vai ser ouro: cómpre que saibamos algo de inglés, posto que vai ser preciso que insiramos o título do filme que queiramos clasificar nesa lingua que a todo chega.
Volvendo ao positivo, dicir que teremos ao alcance da man, por cada título, unha ficha descritiva cun amplo abano de eidos de información, entre os que se conta o título e o país de orixe, o ano de estrea, a duración, o formato, os actores, o xénero ou (atención) a nosa valoración persoal. Tamén se pode especificar o tipo de son, as linguas das que dispón, as proporcións, a resolución, etc.

PUBLICIDADE