Dispoñible na Rede unha solución de impresión para BlackBerry

mércores, 6 de maio do 2009 Raquel Noya

Os usuarios dos dispositivos de peto BlackBerry (que xa de por sí son afortunados ao ser propietarios dunha ferramenta que permite infinidade de aplicacións) están de noraboa ao poder descargar dende xa unha solución de impresión para os seus terminais que permite imprimir infinidade de contidos directamente dende o terminal.
A aplicación Content Beamer Local permite imprimir, entre outras cousas, mensaxes de correo electrónico, entradas do calendario, tarefas pendentes, fotografías ou notas, entre outros contidos, a traves de bluetooth dende o propio dispositivo portátil.
A aplicación, que pode descargarse de balde na páxina web oficial (só para un periodo de proba), integra a orde para a impresión con tecnoloxía Bluetooth automáticamente no menú da BlackBerry unha vez descargada e ten un custe único de 29 euros (IVE incluído).
Content Beamer Local é, segundo vén de afirmar Carsten Mickeleit, director executivo de ThinPrint, “a primeira solución de impresión con tecnoloxía Bluetooth do mundo para o usuario individual BlackBerry” e diríxese a clientes empresariais que desexan tanto imprimir directamente os seus arquivos a través de Bluetooth como acceder ás impresoras en rede que teña á man.

PUBLICIDADE