Dispoñíbel un catálogo en liña con máis dun centenar de solucións TIC de mobilidade

luns, 30 de novembro do 2015 Redacción

As empresas galegas teñen á súa disposición na Rede, dende xa, unha porta de entrada a a máis dun centenar de solucións tecnolóxicas destinadas a satisfacer as súas demandas (crecentes) de mobilidade. Así nolo fixeron saber estes días as dúas entidades responsábeis da iniciativa, AMTEGA e Clúster TIC. O repositorio chámase PemeMobil.gal, catálogo de solucións TIC en mobilidade e, segundo engaden, “ofrece unha mostra representativa da tecnoloxía en mobilidade ofertada en Galicia”.
En termos concretos, abrangue máis de 115 solucións TIC de 60 provedores tecnolóxico-dixitais galegos, incluíndo tamén máis de 90 casos de éxito de implantación en empresas. A través deste catálogo, explican AMTEGA e o Clúster, “as empresas poden localizar facilmente e por múltiples criterios de busca aquelas solucións en mobilidade máis acaidas para o seu negocio, así como identificar os provedores tecnolóxicos que llelas fornezan”.
PemeMobil.gal foi presentado no marco das xornadas SmartPeme, peme móbil e conectada celebradas o pasado 25 de novembro no Centro Demostrador TIC de Galicia, contándose coa presenza de preto de 75 profesionais da nosa terra.

PUBLICIDADE