Dispoñíbel para iOS e Android a app galega que nos axuda a aforrar, CoinScrap

martes, 13 de febreiro do 2018 Fernando Sarasketa

Os creadores da aplicación Senseitrade, ferramenta galega que nos permite tomarlle o pulso ás redes sociais en materia bolsista (facéndonos recomendacións sobre os valores nos que cumpriría investir), están a darlle impulso, neste comezo do ano, a unha nova app destinada igualmente a mellorar a nosa economía, aínda que dun xeito diferente: redondeando cada compra realizada con cartón de débito ou de crédito, pasando a diferenza entre a compra e o redondeo a unha conta de aforro do usuario. Estamos a falar da aplicación CoinScrap, da que temos falado en Código Cero para salientar a súa participación en Galicia Open Future (o centro de emprendemento innovador de Telefónica) e a obtención do Premio Novo Emprendedor 2016 (concedido por AJE Vigo). Tanto Senseitrade como o peto dixital CoinScrap veñen da man de TxStockData, con sede na Tecnópole.
CoinScrap, que estreou nas tendas en liña a súa primeira versión, ten a súa orixe no seguinte feito: os atrancos que impiden ao 60% dos fogares españois dar aforrado aínda que sexa pequenas cantidades mensuais. A aplicación, que se sitúa eido das solucións fintech, é unha tentativa de abrir este tipo de ferramentas financeiras ao gran público, co obxectivo último de axudar ao cidadán de a pé, ao meirande número de familias. Segundo sinala David Conde, director executivo da empresa, “con CoinScrap queremos democratizar o aforro, a través dunha ferramenta totalmente dixital e que se adapte ao estilo de vida de cada persoa”. O seu funcionamento, como dixemos, baséase en redondear ao euro máis próximo calquera compra pagada con tarxeta, de forma totalmente automatizada e dixital. Os redondeos xerados transfírense a un produto que a aseguradora Caser deseñou especialmente para ofrecer un servizo acorde coas necesidades dos usuarios, buscando, en palabras de Conde, “simplicidade, flexibilidade e liberdade”. Segundo engade, a través de CoinScrap os aforros acumúlanse nun seguro de vida-aforro.
Os responsábeis de TxStockData tamén explican que o usuario só ten que rexistrarse, crear un obxectivo financeiro (por exemplo, mercar un smartphone), axustar as súas preferencias (importe do obxectivo, duración, redondeos e achegas mensuais) e, finalmente, conectar unha tarxeta de pago (crédito ou débito) e/ou unha conta bancaria á aplicación móbil para permitir o cálculo de redondeos.
Os desenvolvedores da ferramenta tamén explican, para despexar dúbidas, que en contra do que se pode pensar, as operacións de redondeo si que teñen potencial para crear aforros significativos. En base aos seus datos e experiencia, un usuario de 35 anos que comece a redondear aos 2 euros máis próximos e cunha achega mensual de 25 euros podería chegar a acumular ao momento da súa xubilación uns 54.000 euros.
Nesta primeira versión, CoinScrap só ten dispoñíbel a opción para aforrar a curto prazo, aínda que a finalidade é axudar aos usuarios a aforrar para metas a longo prazo como a xubilación.
A aplicación pódese descargar de balde na App Store de iTunes (para iOS) ou en Google Play (para móbiles con Android).

PUBLICIDADE