Dispoñíbel para iOS e Android unha aplicación sobre as rutas dos nosos parques naturais

luns, 8 de xullo do 2013 Redacción

Os parques naturais galegos teñen un potencial moi a ter en conta de cara a atraer visitantes, tanto de dentro como de fóra da nosa terra. Asumido isto, e asumido que moitos deles traen cadanseu teléfono intelixente (e non só iso, senón que están afeitos a darlles máis uso que para chamar e recibir chamadas), pois case cae de caixón guialos polas devanditas paraxes con axuda destes aparellos e de ferramentas especificamente desenvolvidas para a situación. Cara a achegarlles este servizo é cara onde se dirixe a iniciativa TIC presentada estes días pola Consellería de Medio Ambiente, que puxo en marcha unha aplicación de balde para iOS e Android con datos sobre os roteiros que se poden percorrer dentro dos nosos parques naturais.
Esta guía, en galego e castelán, detalla e empraza os principais recursos ambientais e turísticos do Parque Nacional das Illas Atlánticas, e os parques naturais do Complexo Dunar de Corrubedo e Lagoas do Carregal e Vixán, as Fragas do Eume, a Baixa Limia-Serra do Xurés, Monte Aloia, O Invernadoiro e Serra da Enciña da Lastra. En total, sinala Medio Ambiente, suman 50 itinerarios que permiten percorrer 318 quilómetros de camiños naturais. A aplicación, engade o departamento da Xunta, “ofrece unha descrición xeral de cada parque, información acerca da mellor forma de realizar a visita, o clima, os servizos e os equipamentos cos que conta cada localización, os graos de protección e as formas de acceso”. A través dela, engádese, os usuarios poderán descargarse máis de 500 fichas elaboradas con gran detalle, así como 200 fotografías, “nas que cada visitante atopará información sobre a paisaxe e o patrimonio natural e cultural de cada parque, así como as rutas oficiais sinalizadas en mapas con tecnoloxía de xeolocalización, fotografías e información sobre distancias, dificultade e puntos de inicio”. En total os seis parques naturais de Galicia e o Parque Nacional das Illas Atlánticas ofrecen 50 rutas de diferente dificultade e para percorrer en diferentes medios. Todas aquelas persoas que desexen acceder a esta base de datos sobre as rutas nos parques naturais de Galicia poden xa descargar para Android e para para iOS.

PUBLICIDADE