Dispoñíbel no Portal da Lingua un audiovisual sobre as riquezas do noso mar e os seus nomes

venres, 23 de setembro do 2022 S. P.

Quen queira mergullarse nas riquezas do noso mar, tanto dende o punto de vista biolóxico como lingüístico, vai ter oportunidade de facelo grazas á contribución de Jaime Beiro Formoso, que vén de subir á Rede un vídeo divulgativo sobre os tesouros marítimos galegos, sobre as especies que habitan o noso mar, sobre os seus fondos e sobre os nomes que uns e outros reciben en galego (que son diferentes e particulares dependendo do treito da costa onde se lles nomee).
Trátase do vídeo Sabes todo o que temos no mar?, realizado ao abeiro do Fondo de Proxectos Culturais en Lingua Galega Xacobeo 2021-2022 (impulsado pola Secretaría Xeral de Política Lingüística).
O audiovisual combina imaxes reais das augas e dos fondos mariños con ilustracións das especies máis representativas. O proxecto contou co asesoramento da divulgadora científica Bibiana García.
Está dispoñíbel no Portal da Lingua (Secretaría Xeral de Política Lingüística) e máis no Youtube.

PUBLICIDADE