Dispoñíbel na Rede o libro colectivo do certame MicroQontos

mércores, 6 de xuño do 2012 Fernando Sarasketa

Segue adiante Microqontos, blog posto en marcha por Daniel Landesa e que funciona como unha xanela miúda, unha ollada clarificadora, ao que ben podería ser a actividade literaria do futuro. O caderno en cuestión ten a súa orixe no caderno persoal de Landesa e no certame de microrrelatos posto en marcha no seu seo, iniciativa á que lle saíu unha pola que acubillaba o publicado no devandito sitio, precisamente Microquontos. Pois ben, este mércores descubrimos o nacemento doutra pola: un libro, en formato PDF, que compendia as achegas do devandito blog literario.
Os responsábeis do libro son polo tanto todos o que contribuíron a darlle forma, que buscan con esta iniciativa subliñar e dar amplitude á mensaxe lanzada por Landesa e recollida no limiar da escolma: "Este certame na rede naceu como forma de demostrar a aqueles que din que esta nosa pequena cultura só sobrevive a golpe de talonario administrativo que están errados, moi errados".
Por certo que a obra resultante salienta non só pola calidade dos seus capítulos (cada un achegado por unha/un participante no dito certame), senón polo coidado posto na imaxe e máis o deseño, con fermosas fotografías servindo de complemento a cada pulo literario. Non se trata dunha escolma de obras gañadoras, xa que o concurso en cuestión non incluía galardóns, “nin xantares nin festas. Máis ben estamos ante unha recompilación que veu dada por si mesma, ou, como o propio responsábel da proposta sinala, ante a presentación conxunta das miúdas belezas que foron caendo pola rede ao longo dos últimos meses de 2009 e primeiros de 2010.
Entre as escritoras e escritores que contribuíron á construción do libro colectivo atópanse as/os seguintes: Mario Regueira, Rubén Ruibal, Fran Castiñeira, Laura Saez, Yolanda Fernández, Ana Isabel Conde, María Alonso Seisdedos, Francisco López Salmerón, Hjerbert Bönn, César Candelas, Iria Castro, Daniel Lavesedo, Teresa Barberena ou Andrea García Vila.

PUBLICIDADE