Dispoñíbel en Android a aplicación de Monument Tracker para afondarnos no coñecemento da Ribeira Sacra

mércores, 31 de xullo do 2013 Redacción

A empresa francesa Monument Tracker, gañadora do concurso de Imagina Atlántica para a posta en valor do patrimonio cultural dos socios deste proxecto (no que participa a Deputación de Ourense), vén de pór a disposición dos usuarios de Android unha interesante aplicación turística para afondarmos no coñecemento da Ribeira Sacra. A firma gala, de gran experiencia en recursos turísticos-culturais para teléfonos intelixentes e tablets (ten guías e ferramentas TIC dunha chea de cidades do eido internacional), contou para este traballo coa colaboración da portuguesa Ideias e Conteúdos e da galega Astrágalo (que achegou todo tipo de contidos e mesmo o personaxe protagonista, Frei Bieito). O desenvolvemento en cuestión, que en breve contará con versión para iOS, fornécese en galego, portugués, inglés e español.
O principio desta aplicación móbil é o de enriquecer a experiencia turística dos viaxeiros para afondar no coñecemento dos moitos monumentos e riquezas paisaxísticas que atesoura a Ribeira Sacra.
A ferramenta foi desenvolvida por encargo da Deputación de Ourense ao abeiro do proxecto europeo Imagina Atlántica, no que participan Galicia, o norte de Portugal, Gales e Poitou-Charentes/GrandAngoulême).
Tal e como sinalamos no seu día nunha entrevista co presidente de Monument Tracker, Jean-Jacques Lottermoser, a aplicación ofrece unha serie de cousas a ter en conta para xente de tódalas xeracións: debuxos animados (da man do devandito Frei Bieito), opcións de realidade aumentada, xogos de caza do tesouro, achegas á historia dos monumentos ou rutas turísticas. O obxectivo do organismo provincial galego foi o de pór a disposición dos viaxeiros unha ferramenta que reflectise e potenciase o rico patrimonio desta contorna galega, abeirada aos ríos Sil e Miño e especialmente importante dende o punto de vista arquitectónico (acubilla unha chea de conxuntos monásticos de diferentes envergaduras, estilos e niveis de conservación) e paisaxístico.
Tal e como temos comentado previamente, a vertente divulgadora non se rifou no proxecto coa vertente lúdica, máis ben buscáronse unha a outra. Así, dende a orixe da iniciativa procurouse unha combinación equilibrada entre ambos elementos: a pescuda histórica e a vontade de xogar. A xuízo de Monument Tracker, estamos ante unha aplicación con potencial para abranguer e interesar a moitos tipos de viaxeiros, mesmo aos máis pequenos da familia, que terán a posibilidade de xogar e afondar no coñecemento da súa contorna coa colaboración dos seus acompañantes. Ademais, engade a firma francesa, a ferramenta gustará aos seareiros do patrimonio histórico, e tamén aos autores de banda deseñada, aos ilustradores e aos animadores, aos profesionais da produción (vídeo, audio, efectos sonoros) e do turismo.
As funcións da aplicación son as seguintes:
1. Caza do tesouro: Oito enigmas veñen propostos polo pequeno monxe, Frei Bieito, e cada resposta correcta desbloquea o seguinte misterio, cunha recompensa ao final dos percorridos.
2. Percorridos: Ofrécense varias temáticas, pódese empezar o percorrido onde se prefira, a realidade aumentada permitirá guiarse pola zona.
3. Xogo: Poderemos converternos en Embaixadores da Ribeira Sacra contestando as preguntas do xogo.
4. Postais: Teremos a posibilidade de enviar desde o noso smartphone ou tablet unha verdadeira postal en papel que os nosos amigos recibirán nas súas casas por correo ordinario.
5. Paseo libre: Os monumentos desvelarán a súa historia de acordo co noso paseo grazas ás notificacións automáticas, non será preciso facer ningunha procura xa que o noso teléfono móbil avisaranos dos monumentos próximos e revelará as súas historias e anécdotas. A maiores, tamén poderemos descubrir os lugares desaparecidos (ou o seu aspecto no pasado), ver as diferentes presentacións do monumento ou do lugar en cuestión (cómics, fotos exteriores e interiores, debuxos), consultar reportaxes ou vídeos relativos aos sitios de interese, compartir en Facebook as nosas opinións ou personalizar a aplicación coas nosas fotografías.
6. Realidade aumentada: Lugares importantes, os puntos de partida dos percorridos aparecen ao noso arredor en modo cámara, permitíndonos orientarnos para chegar aos sitios de interese.
Quen está detrás da aplicación?
A aplicación foi financiada e ofrecida polo Programa Espazo Atlántico (Interreg) para a valorización do patrimonio no contexto do Proxecto Europeo Imagina Atlántica e que axiña será implementada tamén noutros destinos membros do proxecto. Imagina Atlántica enmárcase no Programa Transnacional Espazo Atlántico 2007-2013, co-financiado ao 65% polos fondos FEDER. O seu obxectivo é estimular a posta en marcha de novos vieiros de produtividade, opostos ao que nos levaron á crise, e que se baseen ante todo no coñecemento e no coidado das características culturais e sociais de cada contorna. Ou sexa, que estamos a falar dunha iniciativa para fomentar a actividade económica a través do desenvolvemento local e dun aproveitamento rendíbel e creativo das novas tecnoloxías da imaxe. E todo “a escala atlántica”, poñendo estas tecnoloxías a disposición do patrimonio desta beira oceánica na que se emprazan os pobos participantes no proxecto (Gales, Poitou-Charentes, Galicia e Norte de Portugal).
O proxecto aposta por experimentar co artellamento dun cluster (termo inglés que se emprega nos eidos tecnolóxico e empresarial para referirse a distintos agrupamentos ou conxuntos integrados de elementos) que poña en rede a creación de traxectos turísticos e culturais, empregando os recursos que ofrecen as novas ferramentas da imaxe. Un exemplo disto é o traballo despregado pola Deputación de Ourense, integrante do Proxecto Imagina Atlántica, para achegar valor engadido á Ribeira Sacra a través dun proxecto piloto innovador que deu como resultado a aplicación móbil da que falamos nesta mesma reportaxe.

PUBLICIDADE