Dispáranse os ingresos do ITMATI grazas aos seus proxectos de simulación, optimización e Big Data

venres, 29 de xullo do 2016 Redacción

As matemáticas e o cómputo avanzado foron e seguen a ser un puntal da nosa industria. A tendencia vai a máis? Sen dúbida si. Como mostra, os datos achegados (memoria anual de actividades de 2015) polo Instituto Tecnolóxico de Matemática Industrial (IMATI), que sinala que non só foi quen de aumentar os seus ingresos, senón que case os deu duplicado. ITMATI, como lembraremos, é un centro de transferencia participado polas tres universidades galegas. Naceu en 2013 co obxectivo de achegar solucións e tecnoloxías a empresas e entidades públicas para apoiar a innovación e mellorar a competitividade. Todo grazas a ferramentas tecnolóxicas desenvolvidas dende a matemática industrial. Empresas dos sectores das telecomunicacións e a informática entre os seus principais “compañeiros de viaxe”.
Máis en detalle, a memoria de 2015 reflicte “un notábel incremento de ingresos con respecto ao ano 2014”, en concreto un 97,16 por cento: de 551.529,35 euros a 1.087.372,89 euros en 2015, excluído o IVE. Os ingresos totais procederon de dúas fontes de financiamento: por unha banda, os contratos de transferencia, que comprenden contratos de I+D en varias modalidades (proxectos europeos e estatais de transferencia, contratos con empresas e convenios de transferencia con institucións); neste ámbito participaron 22 empresas, cunha contía total de 1.071.112,89 euros, o que representa o 98,50% dos ingresos totais de ITMATI para 2015.
A outra fonte de financiamento son as achegas das universidades, que o ano pasado representaron 16.260 euros, o 1,5% dos ingresos totais do Instituto, segundo reflicte a memoria aprobada.
En concreto, ITMATI tivo en marcha en 2015 un total de 29 contratos con 22 empresas e entidades. Desde a súa constitución no ano 2013, a cifra global de contratos é de 37.
Todos eses contratos céntranse en tres grandes áreas de transferencia: simulación, estatística/Big Data (información masiva) e optimización. Salienta o eido de simulación numérica con 21 proxectos activos, que representan o 48,17% da actividade total, e que superaron o 40% da facturación total do centro. A continuación sitúase a área de optimización, que representa o 26,48% do montante de proxectos activos. Por último, a área de estatística e datos masivos supón o 25,34%.
Por sectores, os máis de meirande presenza foron: naval, telecomunicacións e informática.
Entre os principais casos de éxito cómpre salientar a Unidade Mixta de Investigación Repsol-ITMATI, cuxo obxectivo último é sentar os alicerces para incrementar a vida útil das baterías que usan os vehículos eléctricos e mellorar o proceso de recarga rápida, así como optimizar os procesos de toma de decisión, entre outros aspectos.
Outro dos casos de éxito é o Proxecto Lumes, ao abeiro do cal desenvólvense novas tecnoloxías e ferramentas para reducir grandes incendios forestais, tanto en número como en superficie afectada (inclúe un recurso avanzado para o seguimento e xestión dos recursos que participan na extinción dun incendio e para a axuda na toma de decisións na xestión dos medios aéreos). Os resultados deste proxecto poden representar, a xuízo da empresa participante Coremain, “grandes beneficios para administracións e organismos involucrados na xestión de incendios”.

PUBLICIDADE