Dinahosting intervén nos XXV Encontros para a Normalización Lingüística do CCG

luns, 16 de outubro do 2023 S. P.

Este martes 17 de outubro celébrase a XXV edición dos Encontros para a Normalización Lingüística que organiza o Centro de Documentación Sociolingüística de Galicia (CDSG) do Consello da Cultura Galega (CCG), desta volta baixo un epígrafe que avanza boa parte dos contidos a tratar: Economía, lingua e sustentabilidade. A presidenta do CCG, Rosario Álvarez, inaugura esta cita que pretende reflexionar sobre o papel do idioma no ámbito socioeconómico, poñendo o foco nas posibilidades que abre para incrementar o prestixio das empresas e aumentar produtividade. Falarán os responsábeis da tecnolóxica Dinahosting, referente en servizos en liña e de hospedaxe web, pero tamén de Daveiga, Espiga, FEGATUR, Vegalsa-Eroski, Deleite Cooperativa 57 ou Caixa Rural Galega, entre outras empresas. O encontro será presencial pero poderase seguir en directo a través do web e as redes sociais da institución.
Rosario Álvarez Blanco, David Cobas Medín, Mónica Fernández Valencia, Ana Iglesias Álvarez, Manuel Maseda Deán, Susana Mayo Redondo, Bernardo Penabade Rei, Bieito Silva Valdivia, Anxos Sobriño Pérez, Marta Souto González e Xaime Varela Sieiro son os coordinadores desta edición.
A xornada divídese en tres bloques. No primeiro falarase da situación da lingua galega no sector económico, na que o investigador do ILG (USC), Miguel Guisantes, ofrecerá unha descrición panorámica do uso do galego nos sectores recollidos no plan de dinamización lingüística galega no tecido económico. Após esta panorámica, o avogado e consultor Xoán Antón Pérez Lema, xunto con Sara Seco Rial, da Mesa pola Normalización Lingüística, farán unha análise dos dereitos dos consumidores e consumidoras, das dificultades xurídicas para exercelos e das experiencias de reclamacións destes.
No terceiro bloque toman a palabra os responsábeis de diferentes empresas para explicar as súas experiencias. Unha delas ofrece unha perspectiva histórica da promoción do uso da lingua mediante actividades de entidades públicas e privadas. Capacidade dinamizadora de determinados sectores económicos centrados en servizos de mediación. Visión externa desde a perspectiva da publicidade. Nela participan Xosé Carballido Presas, Irmandade Galega de Agroalimentarios e Adegueiros (IRGADE); Paulo Rodríguez de Dinahosting; Emi Candal de Espazo coop. Unión de Cooperativas Galegas e Xosé García, DAG: Asociación Galega do Deseño.
Pola tarde celebraranse as dúas mesas que continúan a dar voz ás experiencias prácticas. Una delas titúlase Lingua, calidade e proximidade, serve para a presentación e posta en valor de empresas que unen a lingua galega aos seus principios de calidade e proximidade. Gabriela González de Vegalsa-Eroski; Pedro González Boquete de Deleite; Antón Ínsua de Coop57 e Jesús Antonio Méndez Álvarez-Cedrón da Caixa Rural Galega achegan a súa visión.
A última das mesas é Lingua e sustentabilidade na que Carolina Sánchez Sanz de Espiga. Asociación Galega para a Bioconstrución; Francisco Xabier Almuíña de FEGATUR (Federación Galega de Turismo Rural); e Xosé Lois Lamazares das galletas Daveiga, amosarán a súa visión do binomio galego e sustentabilidade. A xornada remata cunha actuación do Mago Teto.

PUBLICIDADE