Dinahosting incorpora os discos NVMe á súa infraestrutura de aloxamento na nube

xoves, 19 de decembro do 2019 Fernando Sarasketa

Dinahosting, a empresa galega de dominios online e hospedaxe web, vén de anunciar a incorporación ao seu catálogo de servizos de cloud hosting dos discos NVMe, unha tecnoloxía moi axeitada para quen queira ampliar recursos nun intre determinado, ao proporcionar “respostas máis rápidas e efectivas”. Dinahosting explica que os discos achegan meirande velocidade de lectura, escritura e largo de banda, reducindo a latencia e a sobrecarga no servidor.
Respecto dos tradicionais SSD, as taxas de transferencia e os IOPS (número de operacións de entrada e saída de datos que ocorren por segundo) ven aumentada até en 5 ou 6 veces a súa capacidade coa entra en xogo dos discos cloud NVMe, que tamén achegan amplos e efectivos recursos para manter baixo control os picos de carga.
Dinahosting subministra neste punto unha serie de exemplos concretos de intres e situacións nos que probábelmente agradezamos a presenta destas novas tecnoloxías na nube: “Imaxinade que organizades un festival e necesitades que a vosa web funcione a pleno rendemento durante a venda de entradas. Ou que acabades de lanzar ao mercado un produto absolutamente novo e todo o mundo quere velo. Ou que estades en pleno Black Friday e dispáranse as vosas vendas”. Os ditos discos, engade a empresa, evitarán que a nosa web caia durante estes traballos de promoción ou de lanzamento de produtos. “O mellor de todo”, explica a empresa con sede en Vista Alegre (Santiago), “é que desde o panel de control de Dinahosting podemos programar o escalado de recursos da hospedaxe na nube á hora que queiramos e cos recursos que indiquemos”.

PUBLICIDADE