Dinahosting achega servidores en stock a 100 euros

martes, 19 de xullo do 2011 Fernando Sarasketa

Dinahosting, a empresa galega especializada na achega de dominios e outros servizos na Rede, vén de lanzar unha oferta certamente interesante para todas aquelas persoas que queiran facerse cos servizos dun novo servidor e a un prezo final que non lles obrigue a cousas como hipotecar a casa ou vender en eBay todos aqueles agasallos acerca dos que se gababan diante das visitas. Leas aparte, trátase da campaña Feira de Servidores (Todo a 100!), unha proposta moi anticrise de servidores arestora en stock e que, a xuízo da empresa con sede no barrio compostelán de Vista Alegre, poderán resultar de moita utilidade para substituírmos pezas, facermos probas ou reforzamos actividades formativas.
Iso si, teremos que asumir os gastos de envío ou ben recoller o trebello desexado no centro de datos de Madrid. E todo a un prezo único de 100 euros. Inclúense nesta oferta de servidores os seguintes modelos SUPERMICRO 5013-Gi, SUPERMICRO SC812i-400C, SUPERMICRO SC812i-400C, TYAN GS12/GS14, TYAN GT24 B2891 e TYAN GX28 B2881.

PUBLICIDADE