Dinahosting achega aloxamento de balde para organizacións que apoien a países en desenvolvemento

xoves, 27 de setembro do 2007 Raquel Noya

Dinahosting, empresa compostelá de aloxamento de datos e rexistro de dominios con máis de 20.000 clientes en 60 países, vai ofrecer aloxamento de balde no seu host a todas aquelas organizacións sen arela de lucro implicadas na cooperación internacional. Baixo o lema Dinahosting Solidario, Queremos axudarvos a crear máis sorrisos, esta firma pretende dar un paso adiante na toma de conciencia sobre o problema devandito e colaborar activamente con aquelas institucións que dedican os seus esforzos a combater o subdesenvolvemento e velar polo cumprimento dos dereitos humanos.
O aloxamento prestado por Dinahosting tamén incluirá servizos de soporte técnico e outras vantaxes que decote se adscriben ós produtos que ofrece esta empresa. As únicas condicións precisas para que as organizacións interesadas poidan acceder á campaña é “dedicaren un mínimo do 75 por cento da súa actividade a países en vías de desenvolvemento, seren organizacións de carácter laico e teren un volume de ingresos inferior a 600.000 euros no pasado 2006.”

PUBLICIDADE