Digitalent achegará 30 actividades para fomentar as vocacións TIC da xente máis nova

luns, 29 de novembro do 2021 S. P.

O Plan de Promoción do Talento Dixital de Galicia, DigiTalent, continúa a incrementar o seu catálogo de actividades para o curso 2021/2022. Faino, segundo comunicou esta fin de semana a axencia autonómica AMTEGA, con 29 novas iniciativas “lideradas integramente polas empresas asinantes do Pacto Dixital de Galicia”, todas elas dirixidas a “estimular o talento precoz no ámbito das novas Tecnoloxías da Información e a Comunicación”.
A axencia que dirixe Mar Pereira engade que este programa de actuacións van dirixidas, nun plano máis específico, a “motivar as vocacións científico tecnolóxicas entre os máis pequenos e pequenas a través de accións lúdico-formativas como charlas, obradoiros, concursos ou visitas didácticas que permitirán ao alumnado galego familiarizarse coas novas tendencias tecnolóxicas ao tempo que mellorarán as súas destrezas e capacidades dixitais avanzadas”.
Ademais, promoverase a adaptación de estudantes, titulados e profesionais aos perfís dixitais especializados que demanda o mercado laboral, con iniciativas dirixidas á comunidade universitaria e á formación profesional.
Haberá, máis polo miúdo, accións formativas, obradoiros, workshops, competicións e novas convocatorias para premios aos mellores Traballos de Fin de Grao e Mestrado.
Arrincan as sesións de Tecnólog@ por un día
Pola súa banda, a AMTEGA segue a fomentar ás vocacións STEAM (acrónimo en inglés de Ciencia, Tecnoloxía, Enxeñaría, Arte e Matemáticas) entre os máis novos coa posta en marcha da quinta edición do Programa Tecnólog@ por un día. A primeira convocatoria para este ano, xa en curso e marcada pola volta á presencialidade, recibiu máis de 200 solicitudes de inscrición.
Durante os meses de novembro e decembro, as persoas seleccionadas visitarán as instalacións das empresas do sector TIC galego que colaboran nesta actividade para desfrutar dunha xornada de traballo da man de profesionais voluntarios, o que “permitirá mellorar a visión que os rapaces e rapazas teñen das profesións científico-tecnolóxicas”, explicou AMTEGA.
Webinars TransformaTech Sessions
Doutra banda, entre as novidades para o curso 2021/2022 destaca o próximo lanzamento do ciclo de seminarios en liña TransformaTech Sessions, destinadas tamén a fortalecer as capacidades TIC da nosa mocidade. Esta iniciativa, “deseñada nun formato en liña altamente participativo”, permitirá a interacción entre os asistentes e os relatores convidados, expertos e expertas nas tecnoloxías disruptivas de maior impacto na actualidade, que resolverán as dúbidas formuladas en relación á temática exposta.

PUBLICIDADE