Digi ofrecerá servizos de televisión de pagamento

luns, 4 de setembro do 2023 Marcus Fernández

Nos últimos meses non cesan as informacións sobre o crecemento meteórico de Digi, operador que está a ser dos máis favorecidos no xogo de portabilidades tanto en liñas móbiles como en conexións de fibra óptica, e aínda que actualmente a compañía se centra en ofrecer prezos agresivos, nunha entrevista ao seu director xeral, Marius Varzaru, deixan claro que pretenden aproveitar a fusión entre Orange e MásMóvil para acelerar o seu crecemento.
Varzaru asegura que actualmente teñen unha base de clientes de 4,3 millóns de liñas de móbil e de 1,1 millóns de clientes de banda larga fixa, e cren que rematarán o ano cunha facturación de 600 millóns de euros (fronte os 500 millóns do ano pasado). Incluso atrévese a asegurar que, se non hai cambios importantes na estrutura de costes, manterán os seus prezos axustados a longo prazo.
Pero aínda que actualmente só ofrecen telefonía e Internet, Varzaru adianta que están a traballar na incorporación á súa oferta nun servizo de televisión de pagamento, seguindo os pasos da súa matriz romanesa (que conta con 5,4 millóns de liñas de televisión de pagamento).
Sobre a posible fusión de Orange e MásMóvil, asegura que, de resultar Digi gañadora da poxa polos remedies das compañías (ou sexa, da venda da parte redundante das infraestruturas dos operadores que prevén unirse), terían que realizar un investimento a longo prazo de máis de 2.000 millóns de euros, converténdose no cuarto operador do mercado español.

PUBLICIDADE