Digi mellora as súas tarifas

mércores, 16 de febreiro do 2022 Marcus Fernández

O operador de telecomunicacións de maior crecemento en España nos últimso anos, Digi, está a revolucionar as súas tarifas mantendo prezos e incrementando considerablemente o volume de datos incluídos, de xeito que os que tiñan liñas móbiles con chamadas ilimitadas e 5 GB de datos por 7 euros/mes contarán agora con 10 GB de datos. As liñas con 10 GB de datos pasarán a ter 20 GB, as de 20 GB pasarán a 50 GB e as de 40 GB pasarán a 100 GB. Tal incremento do volume de datos tamén se aplica ás liñas móbiles asociadas a tarifas combinadas de móbil e fibra, e sorprende especialmente na súa tarifa mini, que por 3 euros/mes inclúe 100 minutos de voz e pasa agora de 1 GB a 3 GB de datos.
Nas zonas nas que Digi conta con rede propia están a ofrecer agora a súa fibra SMART de 1 Gbps por só 20 euros/mes, mentres que no resto do territorio ofrecen 300 Mbps por 25 euros/mes e 1 Gbps por 30 euros/mes, polo que son unha das mellores ofertas do mercado en prezo.
Outra liña que mellora considerablemente as súas condicións son as liñas móbiles Ilimitodo, que ofrecen datos ilimitados e chamadas ilimitadas (nacionais e internacionais) por 15 euros/mes cando as asociamos a un contrato de fibra, como tamén acontece coa tarifa mini, que asociada a fibra queda en só 2 euros/mes.
Estes prezos tan axustados son tarifas oficiais, ou sexa, que non corresponden a promocións temporais, polo que son ofertas moi interesantes para os consumidores que buscan principalmente prezos axustados.

PUBLICIDADE