Dificultades para definir o prezo da edición para iPad de The New York Times

xoves, 18 de febreiro do 2010 Marcus Fernández

A proximidade da chegada do iPad ao mercado fai que certas compañías deban medir os seus pasos con moito tino, pois poderían marcar os pasos a seguir polas súas industrias nos vindeiros anos, o que levou a toda unha guerra interna en The New York Times, publicación que confirmou que terá unha edición especial para o novo trebello de Apple, que o persoal da edición dixital considera que debería ter un prezo mensual duns 10 dólares, mentres que o departamento de papel estima que o prezo máis atinado debería estar entre os 20 e 30 dólares ao mes.
Resulta curioso este debate se temos en conta que actualmente o Times xa ten unha edición dixital para o PC que custa 15 dólares/mes, pero dá a impresión de que moitos profesionais quere protexer a súa edición impresa, e temen que se nun dispositivo atractivo coma o iPad é posible adquirir o xornal dun xeito económico, o futuro do papel estea en perigo. De feito, cando lanzaron o Times Reader (o lector do periódico para PC) pretendían cobrar polo servizo 6 dólares/mes, pero decidiron elevar o prezo a 15 dólares para evitar a perda de subscritores en papel.

PUBLICIDADE