Detectan unha seria neglixencia no tratamento de datos persoais nun par de tendas de Xiaomi

luns, 3 de setembro do 2018 Marcus Fernández

Segundo publica El Confidencial, nas tendas madrileñas de Xiaomi franquiciadas por Balmore Atlantic era posible acceder correos enviados por Gmail con numerosa información persoal

El Confidencial desvelou que en dúas das tendas madrileñas de Xiaomi (Mi Store Sol e Mi Store La Vaguada) os móbiles en exposición permiten que calquera visitante poida abrir a aplicación de Gmail, configurada co enderezo de correo electrónico da propia tenda, podendo así acceder ao cartafol de mensaxes enviadas e acceder a información de facturación e rexistro de caixa, así como os tickets de todas as compras, expondo datos persoais dos empregados das tendas e, en ocasións, dalgúns clientes.
Estamos no que semella unha grave neglixencia que podería incumprir a lexislación vixente en materia de protección de datos. Aínda que Xiaomi ten 11 tendas en España, das que 5 están en Madrid, só dúas destas últimas estarían afectadas, sendo ambas responsabilidade da mesma empresa franquiciada, Balmore Atlantic.
Tras a divulgación do problema de seguridade, Xiaomi emitiu un comunicado asegurando que cumpren co RXPD e alertaron aos seus socios para que solucionen a situación denunciada e tomen medidas para que non se repitan situacións semellantes.
Pola súa banda, FACUA-Consumidores en Acción denunciou o acontecido ante a Axencia Española de Protección de Datos.

PUBLICIDADE