Detectan unha grave vulnerabilidade en Android

xoves, 4 de xullo do 2013 Marcus Fernández

A firma de seguridade informática Bluebox Security está a dar conta dunha importante vulnerabilidade do sistema operativo móbil Android que permitiría a modificación do código dos seus paquetes de aplicacións sen rachar a súa sinatura dixital, facendo posible a introdución inadvertida de código que converta aplicacións lexítimas en troianos. Este fallo estaría presente a partir de Android 1.6, afectaría aproximadamente ao 99% dos dispositivos con Android (preto de 900 millóns de trebellos) e tería sido reportado a Google o pasado mes de febreiro, polo que é posible solucionalo mediante unha actualización de seguridade (o que depende de do fabricante e modelo de móbil).
Pero, que a vulnerabilidade dos móbiles con Android exista tecnicamente non quere dicir que se dea na práctica, pois para que un dispositivo se vexa afectado debería executar unha aplicación modificada, o que só debería de acontecer se a descargase dunha fonte non fiable, de xeito que os usuarios que descargan as súas aplicacións das tendas oficiais (como Google Play) non terían ningún problema (de feito, a tenda de aplicacións de Google inclúe medidas contra este fallo de seguridade).

PUBLICIDADE