Detectado un novo verme que se distribúe a través de Fotolog

mércores, 24 de febreiro do 2010 Raquel Noya

Debido á súa popularidade na Rede e ao incremento constante do número de usuarios e usuarias de tódalas idades en todo o mundo, as redes sociais están a ser unha das ferramentas máis empregadas polos ciberdelincuentes para facer o seu San Martiño en Internet a costa da inocencia dos internautas.
Se primeiro xa viños códigos maliciosos que se aproveitaron de Facebook e de Twitter, desta volta tocoulle o turno a Fotolog, un portal de foto-blogging empregado por preto de 30 millóns de usuarios en todo o mundo que se estrea nisto do malware.
PandaLabs, o laboratorio antimalware de Panda Security que traballa na procura de virus novos para evitarlle disgustos innecesarios aos internautas, vén de detectar a aparición dun novo verme, o FTlog A, que se distribúe a través da devandita rede social.
Para a súa propagación, este verme inserta comentarios no taboleiro do usuarios, instándoos a premer nunha ligazón maliciosa, que supostamente debía dirixilos a un vídeo de interese para eles.
Este comentario, que se pode ver en Flickr, emprega o español latino e literalmente di: “hey xxxxxxxx (nome do usuario), encontré este vídeo tuyo acá (ligazón maliciosa). Eres tu no es verdad?”
Unha vez que o usuario ou usuaria preme na ligazón, o sistema pide descargar un códec de vídeo divx, que en realidade se trata do propio verme.
Cando é instalado, FTlog A redirixe o navegador a unha páxina de contido explícito e a unha web na que se lle solicitan os seus datos ao usuario para cobrar un falso premio.
Ao picar sobre Get Free Access descárgase un ficheiro setup.exe que ao executalo instala un plugin chamado MediaPass Plugin.
Ademais, cambia a páxina de inicio e inxecta código nos navegadores para
mostrar fiestras emerxentes con publicidade, entorpecendo así a navegación.
Para prever este tipo de infeccións, PandaLabs recomenda non pinchar en ligazóns sospeitosas que procesan de usuarios descoñecidos, así como ter unha solución antivirus correctamente instalada e actualizada no sistema.

PUBLICIDADE