Detallan o lanzamento da Nintendo 3DS no Xapón

luns, 10 de xaneiro do 2011 Marcus Fernández

A nova consola portátil de Nintendo está a piques de chegar ás rúas, e para presentar o seu lanzamento nipón organizaron nestes días a Nintendo World Conference 2011, feira na que realizáronse numerosos anuncios relativos á Nintendo 3DS e na que os asistentes podían probar a nova consola en primeira persoa (tras facer cola durante horas).
A Nintendo 3DS chegará ás tendas xaponesas o 26 de febreiro a un prezo de 25.000 iens (233,25 euros), mentres que a data europea (prevista para finais de marzo ou comezos de abril) anunciarase a semana que vén. Nun primeiro momento xa sabemos que a consola comercializarase cunha base de carga, un adaptador de corrente, 1 stylus, unha tarxeta de memoria SD de 2 Gb, 6 tarxetas de realidade aumentada e a documentación habitual, acompañándose o seu lanzamento con 8 xogos con prezos de entre 4.800 e 6.090 iens (polo que entendemos que en España custarán un pouco máis que os xogos de Nintendo DSi, achegándose aos xogos de PSP ou incluso de Wii).
Nas tendas xaponesas serán os primeiros títulos en chegar o Nintendogs + Cats (que parece ser unha das apostas máis fortes da consola se atendemos ao espazo físico co que contou neste último evento nipón), Winning Eleven Soccer 3D, Super Street Fighter IV 3D Edition, Samurai Warriors Chronicle, Puzzle Bobble 3D, Ridge Racer 3D, Battle of Giants: Dinosaurs 3D e Professor Layton and the Mask of Miracles.
Sorprende que o único grande xogo de Nintendo que veremos no lanzamento da 3DS sexa Nintendogs + Cats, mentres que Steel Driver, Pilotwings Resoft e o agardado The Legend of Zelda: Ocarina of Time 3D irán saíndo durante a primeira metade do ano, para chegar no verán Star Fox 64 3D e Kid Icarus: Uprising e no resto do ano Mario Kart 3DS, Animal Crossing 3DS e Paper Mario 3DS.
No tocante ao hardware da consola, ao publicarse as súas especificacións técnicas proxectouse unha escura sombra sobre a 3DS, pois sitúan a súa autonomía entre as 3 e 8 horas (dependendo especialmente a duración do uso das 3D) o que fica moi lonxe das 9-19 horas que poden durar as actuais portátiles de Nintendo, o que non impide que as previsións de vendas de Nintendo sexan elevadas, asegurando que van colocar nas tendas 4 millóns de unidades no seu lanzamento (1,5 millóns só no Xapón), o que algúns consideran que serán insuficientes, polo que poderían repetirse os problemas de desabastecemento que tivo a Wii durante moitos meses.


Repaso das prestacións da Nintendo 3DS

Samurai Warriors Chronicle é un dos primeiros títulos da Nintendo 3DS, mentres que Dead or Alive: Dimensions chegará máis adiante

PUBLICIDADE