Desvelan que X dificulta o acceso a medios que non son do agrado de Musk

mércores, 16 de agosto do 2023 Marcus Fernández

Os perfís de X teñen agora unha sección de Destacados

Nos últimos días X, a plataforma antes coñecida como Twitter, incorporou algúns cambios interesantes para os usuarios de pagamento, como o feito de que o seu perfil amosase unha pestana nova para recoller as publicacións que o usuario queira destacar (o que pode resultar de utilidade para persoas que visitan o perfil por primeira vez e queira saber que publica normalmente para decidir se preme o botón de Seguir) e manter o servizo antes coñecido como TweetDeck, que agora chámase X Pro e pasa a ser exclusivo dos subscritores de pagamento.
Aínda que o grande problema neste caso non é que TweetDeck pase a ser de pagamento, é que con esta transformación desaparece o TweetDeck clásico e faise forzoso o uso da versión de TweetDeck que leva unha chea de meses en probas e que precisamente non se facía oficial porque perdía as súas principais funcións (baseadas en poder empregar varias contas de usuario ao mesmo tempo), converténdose nunha ferramenta inútil.

Prácticas pouco éticas

Hacker News é un dos foros nos que se advertía dos retrasos artificiais que X engadía ás ligazóns a páxinas web que non son do agrado de Elon Musk

En calquera caso, as novidades para os usuarios de pagamento non son capaces de eclipsar a outra información que emerxeu nas últimas horas, e é que as ligazóns dende X a páxinas web que non son do agrado de Elon Musk, como o xornal The New York Times ou plataformas sociais como Threads ou Substack, experimentan un retardo artificial duns 5 segundos, ou sexa, que o usuario percibe que cando preme unha ligazón que leva a unha páxina discriminada o servizo fai tan lento o proceso que pode percibirse que a ligazón non funciona, disuadindo ao usuario.
Esta práctica anticompetitiva está claramente mal intencionada, e lembra a outras políticas emprendidas por Musk na plataforma meses atrás para evitar a proliferación de ligazóns a servizos da competencia, aínda que nesta ocasión os atrancos tamén afectan a medios de comunicación que simplemente non coinciden coa ideoloxía de Elon Musk.
Ao parecer, unha vez que se fixo público esta mala práctica por parte de X, os retrasos artificiais comezaron a desaparecer, probablemente para evitar as consecuencias que terían este tipo de mañas a longo prazo.

PUBLICIDADE