Desenvolven un piloto 5G para Albo que facilite o soporte remoto

mércores, 16 de marzo do 2022 Redacción

Orange, Ericsson e Suigéneris desenvolven un piloto de soporte remoto con tecnoloxía 5G para Albo que permite ao operario recibir instrucións dun experto en tempo real mediante unha aplicación instalada en calquera tipo de wearable (lentes, reloxo, tableta, móbil), a través da cal é posible superpoñer a información enviada polo especialista á imaxe real mostrada na pantalla. Deste xeito, ademais dun diagnóstico máis rápido e eficiente guiado por persoal especializado, o operario pode aumentar a eficacia e seguridade no seu traballo ao realizar as súas actividades segundo vai recibindo a información.
A través dunha aplicación, conectada á rede 5G, o operario pode recibir a información que necesita do experto na súa pantalla en distintos formatos e executar as tarefas de forma simultánea. Para iso, este especialista pode guiar ao operario mediante streaming (audio e vídeo), documentos, imaxes e fotos ou mesmo a través un punteiro móbil de realidade aumentada, capaz de identificar os distintos puntos da pantalla nos cales executar algunha tarefa.
Para as probas deste caso de uso definíronse dúas fases. Na primeira delas, utilízase a rede 5G NSA ( non stand-alone) comercial de Orange e, na segunda, analízanse as capacidades da 5G grazas a unha solución SA (stand-alone) que Orange despregou de forma exclusiva para o proxecto. Para estas últimas probas, utilizáronse smartphones 5G de Xiaomi, que colaborou no proxecto desenvolvendo un software específico para os terminais adaptado ao caso de uso.
Na demostración do caso de uso nas instalacións de Albo estiveron presentes Francisco Javier García Vieira, director de Servizos Públicos Dixitais na entidade pública Red.es; e Yong Wang e Hu Deng, conselleiros delegados de Albo, acompañados de Juan Francisco Montáns e David González, director de Produción e RRHH e CIO da firma conserveira, respectivamente.
Tamén asistiron á demostración Óscar Aragón, director territorial de Relacións Institucionais de Orange, xunto a Amelia Sánchez e Jesús Costoya, responsables, respectivamente, de Despregamento de Rede e de Grandes Contas da operadora en Zona Norte. Finalmente, por Suigeneris estivo presente, Javier Balbuena Pumarega, director de Desenvolvemento de Produto.
Esta experiencia enmárcase no Plan Nacional 5G, o programa para o desenvolvemento de proxectos piloto de tecnoloxía 5G que executa Red.es, impulsado polo Ministerio de Asuntos Económicos e Transformación Dixital e cofinanciado co Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) e para a súa execución en Galicia formouse unha UTE composta por Orange, cinfo, Gammera Nest e Optar Solutions e outras entidades colaboradoras.
O obxectivo deste Plan, que ten continuidade na Estratexia de Impulso á Tecnoloxía 5G, é estimular a definición e implantación de múltiples casos de uso desta tecnoloxía a través da constitución dun ecosistema de socios tecnolóxicos, que unirán os seus esforzos co fin de acelerar o proceso para facer realidade nun futuro próximo a chamada economía dixital.

PUBLICIDADE