Desenvolven na UVigo un dispositivo económico para detectar hidrocarburos no mar

mércores, 5 de abril do 2017 Fernando Sarasketa

O investigador Óscar Sampedro, co-responsábel desta nova tecnoloxía de loita contra a contaminación

A Universidade de Vigo, os seus Campus e os seus grupos de investigación son dende hai tempo un referente no desenvolvemento de tecnoloxías concretas para atallar problemas e desafíos concretos, medioambientais, de seguridade ou sociais. Proba disto é a materialización recente de sistemas para detectar lumes con drons e satélites ou (tamén este mesmo ano) de tecnoloxías para achar lixo no litoral dende o ar. Por se isto fose pouco e cando aínda están recentes as dúas devanditas innovacións a prol do medio ambiente e da seguridade, chéganos dende o Campus de Ourense un dispositivo de baixo custe que permitiría detectar e seguir verteduras de hicrocarburos e facilitar as intervencións para neutralizar os seus efectos. Baséase no seguinte: unha detección temperá de sentinazos ou envorcados accidentais de contaminantes é fundamental para dar unha resposta rápida e minimizar consecuencias na natureza e nos recursos pesqueiros.
Tendo en conta o devandito, investigadores do Departamento de Física Aplicada da Universidade de Vigo desenvolveron un sensor de baixo custe que permite a detección de hidrocarburos vertidos en auga así como a identificación de que tipo de cru se trata. O dispositivo está deseñado para flotar na auga, desde onde podería controlar unha área susceptíbel de contaminación ou seguir a evolución dun derrame nunha zona concreta.
As características do dispositivo veñen de ser publicadas na revista Applied Optics, publicación da Optical Society of America OSA. O artigo, titulado Remote photonic sensor to detect crude and refined oil, está asinado polos investigadores Óscar Sampedro, enxeñeiro de Telecomunicación pola Universidade de Vigo, e José Ramón Salgueiro, físico e docente da Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo da mesma Universidade.
O primeiro deles presentou o pasado mes de novembro a súa tese de doutoramento sobre esta mesma cuestión na Facultade de Ciencias do Campus de Ourense, tese que foi dirixida por José Ramón Salgueiro e realizada no marco do doutoramento interuniversitario en Láser, Fotónica e Visión. No marco da investigación, apuntan os investigadores, “creouse un sensor de baixo custe que permite a detección de hidrocarburos derramados en auga, así como a súa identificación para coñecer que tipo de hidrocarburo é”. Segundo engaden, o dispositivo podería empregarse para o seguimento de áreas mariñas con risco de sufrir verteduras ou para a propia vixilancia dun derrame.
O dispositivo, detallan Sampedro e Salgueiro, “utiliza o fenómeno de fluorescencia para a detección e a identificación”. Segundo explican, moitas substancias presentan a propiedade de absorber luz dunha determinada frecuencia (ultravioleta no caso dos hidrocarburos) e reemitila despois cunhas frecuencia máis baixa (na rexión visíbel). “O conxunto de frecuencias de reemisión ou espectro de fluorescencia”, informan, “é único para cada sustancia e permite polo tanto a súa identificación, como é no caso do cru”.
Para dar forma ao seu dispositivo de baixo custe optouse por tirar proveito dun conxunto de catro fotodiodos con cadanseus filtros de cor, de xeito que se recolle información en catro canles centradas en catro rexións do espectro visíbel (azul, verde, amarelo e vermello). “Ademais, a excitación realízase por medio de simples LED ultravioleta e os datos das medidas procésanse mediante un microcontrolador e envíanse a distancia por medio dun módulo de radio”, engaden. Todo isto permitiu a creación dun aparello miúdo e compacto, económico e de baixo consumo, “que podería ser alimentado por baterías e pequenos paneis solares facéndoo autónomo por un tempo longo”. A información obtida polo dispositivo, detallan, permite construír unha pegada característica de cada hidrocarburo, que o pode identificar por comparación coa información dunha base de datos.

PUBLICIDADE