Descuberta unha rede rusa que incautou xa 1.200 millóns de contrasinais
mércores, 6 de agosto do 2014
Roubos de contrasinais na
Rede ten habido moitos, pero se cadra ningún tan gordo e de tan
fondas implicacións como o que vén de perpetrar, masivamente, unha
rede criminal rusa. Falamos de máis de 1.200 millóns de contrasinais e dunha cantidade
de páxinas web de todo intervidas e vulneradas que rolda as 420.000.
O caso foi descuberto por Hold Security, compañía de seguridade
informática de Estados Unidos que hai un ano xa denunciou a
incautación de millóns de claves de acceso de Adobe. Segundo fixo
saber este mércores dende Las Vegas na feira Black Hat, con este
novo ataque procedente de Rusia, hai todo tipo de firmas afectadas:
dende simples PEME a outras de meirande tamaño centradas en achegar
servizos en liña do máis variado.
Dende Las Vegas, esta incursión descuberta recentemente
por Hold Security supera a todo o coñecido até o de agora en
materia de cibercriminalidade. A maior parte das entidades e empresas
vulneradas non teñen coñecemento de que houbera alguén que lles
roubase os datos persoais de acceso a servizos en liña, ou ben non
fixeron ren por pórlle remedio. Á fronte de Hold Security e como
responsábel principal de que o caso saíse á luz atópase Alex
Holden, consultor informático e experto en seguridade que empregou
boa parte dos meses recentes en amosar a implicación e a orixe do
caso sen agardar nada a cambio. Holden non deu datos sobre a
identidade das empresas afectadas, aínda que si que sinalou que non
son de Estados Unidos.