DesTapa Vilagarcía anímanos a votar co noso dispositivo pola mellor tapa local

martes, 16 de xuño do 2015 Fernando Sarasketa

Xa apenas quedan concursos na vida real que non se apoien directamente na Rede e nos dispositivos para o seu desenvolvemento. De certo, a tendencia é que todo sexa 2.0, con todas as vantaxes que isto pon en xogo: por exemplo ampliación da marxe de actividade do usuario/cidadán. Precisamente, pola banda de Arousa están a piques de pór en marcha a terceira entrega de DesTapa Vilagarcía, unha actividade de promoción hostaleira que non se entende sen a participación da xente e cadanseus dispositivos. Trátase, máis en detalle, dunha ruta na que concorren 20 establecementos locais (cinco deles de Carril) que presentan outras tantas tapas creativas. Os participantes poderán votar polas súas preferidas nos propios locais e través do móbil. Haberá un total de 30 agasallos. A actividade fica activa entre o 19 de xuño e 28 do mesmo mes.
Respecto das mini-racións a degustar, a organización (AHITUVI, a Asociación de Hostaleiros e Iniciativas Turísticas de Vilagarcía) sinala que “hai un pouco de todo”, dende propostas innovadoras como a do polbo encebolado en sobres de pasta brick con queixo afumado e pementón da Vera, até o tataki de atún crocante con escuma de pataca, algas, pétalos e vinagreta de mango, pasando pola ensalada de paté mariñeiro con queixo do Cebreiro, gelée de albariño e crocante de gambón. Por suposto, tamén haberá propostas de corte moito máis clásico, para cubrir o meirande abano de gustos.
Respecto do concurso, lembrar que o público poderá votar pola súa tapa favorita de entre as 20 propostas. Para isto, sinalan os organizadores, o participante deberá facerse co Libro de Ruta, dispoñíbel en todos os locais participantes, e ir selándoo cada vez que deguste una tapa até completar un mínimo de dez establecementos. Unha vez que conte cos dez selos poderá votar e depositar a súa papeleta, cos seus datos para poder ser localizado no caso de que resulte premiada, nas urnas que hai en cada local. Do reconto de todos os votos correctamente emitidos sairán o primeiro, segundo e terceiro premio á mellor tapa de DesTapa Vilagarcía.
Entre todas as papeletas depositadas realizarase un sorteo de máis de 30 premios, entre os que salientan, segundo apuntan os organizadores, “unha escapada a un hotel de Cee con subida ao Monte Pindo con guía incluída, vales de compra na Praza de Abastos de Vilagarcía, en Zona Aberta e en Gadis, circuítos de spa, reprodutores MP4, unha cafeteira de cápsulas e diversos lotes de viños, conservas e produtos gourmet, entre moitos outros”.
Como dixemos, é posíbel participar no certame a través do móbil, tanto seguindo os roteiros como votando pola nosa tapa máis acaida. Isto deberemos facelo a través da aplicación Rutappa, que é a gran novidade desta terceira edición, a 2015. A ferramenta está dispoñíbel para libre descarga en Google Play e máis na tenda de Apple. A aplicación amosa as fotografías e a descrición de todas as mini-racións así como o emprazamento dos 20 locais participantes. A organización outorgará un premio á tapa máis votada a través de Rutappa. Así mesmo, tamén se sortearán varios premios entre os que utilicen esta ferramenta para votar.

PUBLICIDADE