Deputación, Campus e Concello impulsan Paraestudarlugo.com

xoves, 8 de xuño do 2017 Fernando Sarasketa

A Deputación de Lugo, a Universidade de Santiago (Campus de Lugo) e o Concello están a unir forzas, novamente, para incentivar a presenza de estudantes universitarios na cidade da Muralla. E fano por múltiples vías, incluíndo a canle dixital específica da campaña, www.paraestudarlugo.com, e máis os sitios específicos www.usc.es e www.deputacionlugo.gal. A nova estratexia de reclamo foi presentada onte polo presidente da entidade provincial, Darío Campos, polo vicerreitor de Coordinación do Campus de Lugo, Javier Bueno, e máis polo concelleiro de Educación, Manuel Núñez. A iniciativa, que vai pola súa cuarta edición, desenvolverase novamente baixo epígrafe Para estudar, Lugo.
Como incentivos, sinalaron, ofreceranse aos primeiros estudantes en 10 titulacións da USC lucense descontos do 50% no custo da matrícula (grazas ás bolsas que financia o Goberno Provincial a través do Plan de Choque que mantén co Campus de Lugo, e para o que destina este ano 350.000 euros da Deputación).
Darío Campos sinalou que “hai moitos motivos para estudar na universidade lucense” e deles, destacou os cinco que recolle o vídeo promocional da campaña: a completa oferta formativa de especialización (fornecendo a cifra nada desprezábel de 15 graos e 3 graos duplos dos catro eidos principais do coñecemento), o carácter internacional de Lugo (contando a día de hoxe con alumnos de 20 nacionalidades distintas), a diversidade do Campus dende o punto de vista lingüístico, a calidade de vida en Lugo e o carácter acolledor da veciñanza (cousa que corroboran 9 de cada 10 estudantes do Campus Terra) e, por último, a súa excelencia (con facultades punteiras como a de Veterinaria, a máis prestixiosa de España dentro do seu ámbito, á que cómpre engadir o alto nivel da Facultade de Ciencias, a Escola Politécnica Superior e a Facultade de Humanidades)
A páxina web
Toda a información relacionada con Para estudar, Lugo pode atoparse na web www.paraestudarlugo.com, que recolle toda os detalles do programa de bolsas; consellos prácticos para elixir a cidade da Muralla como destino universitario, así como diferentes páxinas coa información completa sobre o Campus Terra da USC: centros e facultades, relación detallada sobre os graos, programas de doutoramento e másters que se ofertan, con especificación do plan de estudos e ligazóns para ampliar ou acceder dun xeito áxil á formalización da matrícula. Ademais, segundo se fixo saber na presentación, a campaña terá unha especial incidencia nas redes sociais da Deputación de Lugo (www.facebook.com/diputacionlugo e @depulugo) e da USC (www.facebook.com/campusterrausc, www.facebook.com/campusterrausc, www.facebook.com/Universidade-de-Santiago-de-Compostela e @UniversidadeUSC e @CampusTerraUSC).

PUBLICIDADE