Deportistas e seareiros da provincia de Ourense xa teñen web de seu, aberta e participativa

venres, 29 de xaneiro do 2016 Redacción

O Centro Cultural Marcos Valcárcel de Ourense acolleu este xoves a presentación da nova páxina web da Deputación, deportes.depourense.es, un sitio de información e comunicación posto en marcha para converterse “en ferramenta participativa e aberta”, multitemática e dispoñíbel para xente de todas as idades, abeiradas tanto ao deporte afeccionado como ao profesional. A web, que foi dada a coñecer polo presidente da Deputación, Manuel Baltar, abrangue datos sobre clubs e eventos deportivos de toda a provincia. A presentación contou ademais coa presenza do deputado provincial de Deportes, Juan Anta, e do coordinador da web, Eladio Gómez.
Segundo fixeron saber, a páxina xorde co obxectivo de ser inclusiva ao máximo. Así, a intención é dar cabida e reflexo a todo o deporte ourensán. De cara ao lector-usuario, a plataforma fornece a posibilidade de que calquera persoa “poida coñecer en tempo real toda a actividade deportiva que se desenvolve na provincia”. Ademais, quen realice eventos desta índole poderá publicar a súa actividade na páxina web. Segundo lembraron no acto de presentación, o novo sitio é froito da filosofía de Provincia Intelixente impulsada polo organismo provincial. Baixo este prisma, foi concibida para ser aproveitada por calquera outro territorio. En palabras do presidente, “trátase dunha ferramenta que lanzamos hoxe e que non ten límites, coma o propio deporte”.
Os impulsores da web salientaron tamén o seu carácter “visual, vivo e directo”. Nela, sinalaron, “ a imaxe ten un papel moi importante”. A plataforma artéllase en catro seccións: unha relacionada coa información deportiva do ente provincial, outra na que figura a axenda de actividades e eventos deportivos, outra relativa aos servizos relacionados co deporte e, por último, outra na que figuran os equipos ourensáns que compiten a nivel estatal así como os deportistas máis destacados.

PUBLICIDADE