Denuncian que populares aplicacións para Android comparten información con Facebook sen permiso do usuario

luns, 31 de decembro do 2018 Marcus Fernández

O Financial Times recolle un estudo de Privacy International que conclúe que cando menos 20 de 34 aplicacións populares de Android analizadas estarían a transmitir información sensible a Facebook sen ter solicitado o permiso pertinente aos usuarios, como esixe a lexislación europea. Falamos de aplicacións como Kayak, MyFitnessPal, Skyscanner ou TripAdvisor, que compartirían datos como o Android ID, que aínda que non tería por que identificar totalmente ao usuario, si poderían empregarse para tal fin cruzando máis información. No caso de Kayak incluso aseguran que podería enviar datos de busca de voos, datas de viaxe e incluso se os transportes se realizarán con cativos.
Aínda que estas aplicacións non estarían necesariamente abusando dos datos dos usuarios, si estarían a vulnerar o Regulamento Xeral de Protección de Datos (RXPD) ao recoller sen consentimento tal información e potencialmente identificar aos usuarios. Ao parecer boa parte da culpa deste comportamento das aplicacións son os kits de desenvolvemento de software subministrados por Facebook, que tardaron en adaptarse ao RXPD e, en moitas ocasións, as aplicacións desenvolvéronse con ferramentas que non tiñan en conta a lexislación europea. De feito, algúns desenvolvedores das aplicacións analizadas recoñecen ignorar que estaban a enviar datos a Facebook sen ter solicitado o consentimento preciso.
Dende Facebook recoñecen a necesidade de que os usuarios controlen os seus propios datos, pero non tomaron medidas para que os desenvolvedores de aplicacións que fan uso das súas ferramentas fosen conscientes dos cambios lexislativos e iso podería levar a que en poucos meses vexamos importantes sancións por tal desleixamento.

PUBLICIDADE